Montse Prado

A Xunta adxudica o servizo de ambulancias e polo tanto ten que mediar no conflito para resolvelo

Montse Prado
Montse Prado

Pide que medie ante a patronal do sector para desbloquear a negociación cos traballadores e traballadoras, agora en folga parcial

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, reclamou á Xunta que interveña no conflito de transporte de ambulancias, tendo en conta que é a responsable da adxudicación deste servizo sanitario, para buscar unha solución e evitar que se agraven as repercusións tanto nos propios traballadores e traballadoras como na poboación usuaria.

Salienta que o transporte sanitario terrestre é unha prestación esencial, pero o Sergas adxudicou o servizo a empresas que presentaron ofertas á baixa, -mesmo con sospeitas de trato de favor-, o que terminou por repercutir nun deterioro das condicións laborais, nunha perda de emprego e no deterioro da calidade asistencial.

As empresas adxudicatarias alegan agora que o contrato non é rendible e pretenden reducir custes a costa do persoal, que xa denuncia o deterioro tanto das súas condicións laborais como na prestación do servizo. Por exemplo, non se compren as condicións hixiénico-sanitarias dos vehículos, non contan co número de ambulancias estipuladas nos concursos e recórtanse os cadros de persoal mentres se incrementan a carga de traballo.

“Denuncian que a situación do sector de ambulancias é de abandono absoluto, cunha patronal só preocupada polo seu rendemento económico e o desprezo da Xunta cara un servizo básico”, denuncia Prado. Ante o bloqueo da negociación por parte da patronal, a CIG ten convocado folga no sector os días 9 e 10 de maio, 6 e 7 de xuño e 4 e 5 de xullo.

“Mobilización secundada de xeito masivo e que converterán en indefinida a partir de setembro se nin a patronal, nin a Xunta de Galiza atenden as súas demandas”, indicou a deputada.

Neste contexto, o Bloque reclaman que o Sergas tome medidas coas empresas que incumpren as condicións mínimas deste servizo público, que convoque un novo concurso que garanta as condicións laborais e a calidade na prestación do servizo, a retirada de todos os elementos de presión e de precarización das condicións de traballo e a sinatura dun novo convenio colectivo.

“Non poden manter o discurso de que é un conflito laboral cando a Xunta é responsábel principal na situación do sector e aceptou ofertas por debaixo de convenio, e agora administración e empresas pretendan que os traballadores e as traballadoras paguen esas rebaixas temerarias”, alegou Prado.

A proposta que o BNG defendeu no Parlamento, e que foi vetada polo PP, instaba ao Goberno a mediar entre as empresas adxudicatarias do servizo público de transporte sanitario terrestre e o persoal, garantir os dereitos laborais e exercer a labor de vixilancia e control sobre a prestación do servizo por parte das empresas, para garantir as condicións establecidas nos pregos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG