Os votos do PP impiden que o Parlamento Galego apoie ás activistas “19 de Meirás”

19 de Meirás no Parlamento
19 de Meirás no Parlamento

A iniciativa presentada polo BNG na cámara galega tamén demandaba rexeitar a denuncia interposta pola Fundación Franco e a familia do Ditador contra as 19 de Meirás e apoiar todas as medidas conducentes a devolución dos bens espoliados pola familia do ditador

O deputado do BNG, Luís Bará, defendeu hoxe unha proposición non de lei en comisión co fin de acadar o apoio de todas as forzas políticas para as 19 persoas que participaron nunha  pacifica para reclamar a devolución do Pazo de Meirás.

O parlamentario do BNG tamén solicitou que o Parlamento galego rexeitara a demanda interposta pola familia Franco e a Fundación Franco e impulsar todas as medidas necesarias para a devolución dos bens espoliados pola familia do Ditador.

Bará explicou que o  pasado 30 de agosto de 2017 un grupo de persoas, “galegas e galegos demócratas, militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais e  culturais así como  traballadores e traballadoras pola Memoria histórica” realizaron unha acción pacífica e simbólica, despregando  dúas faixas no pazo de Meirás para reclamar a atención e intervención dos poderes públicos e recuperar un  patrimonio que debe ser do pobo galego. Pretendían deste xeito,  reiterou Bará, instar ás  institucións públicas con  capacidade para iniciar accións  para rescatar o pazo e todo o patrimonio espoliado polo ditador Francisco Franco.

Tratouse dunha “acción pacífica”, reiterou o deputado do BNG, unha acción nun día de visita pública, en que a obriga da familia espoliadora do pazo era telo aberto ao público como corresponde a un patrimonio declarado como Ben de Interese Cultural. A acción durou aproximadamente 2 horas e todas as persoas que participaron nela abandonaron o edificio e o recinto do pazo en presenza de axentes da Garda Civil da mesa maneira pacífica, sen ningún tipo de incidente nin de dano ao patrimonio, remarcou.

PUNTOS RECOLLIDOS NA PROPOSTA DEFENDIDA POLO BNG

  1. Expresar o apoio ás persoas que o pasado 30 de agosto de 2017 participaron nunha acción pacífica e simbólica de ocupación do Pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que debe ser do pobo galego.
  2. Manifestar o rexeitamento a respecto da demanda interposta pola Fundación Nacional Francisco Franco, Carmen Franco Polo e José Cristóbal Martínez Bordiú Franco contra 19 demócratas que participaron na citada ocupación pacífica e simbólica, e que son acusados de delitos de odio, contra o honor, danos e violación de morada.
  3. Expresar a condena e rexeitamento do uso do Pazo de Meirás por parte da Fundación Nacional Francisco Franco para facer apoloxía do xenocidio fascista, da Ditadura e do Ditador, e en consecuencia demandar que se inicien accións encamiñadas á ilegalización da citada Fundación.
  4. Apoiar as iniciativas que deben realizar as institucións públicas para a recuperación dos bens espoliados pola familia Franco e nomeadamente as relacionadas coa recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público, para a súa posterior conversión en espazo da memoria histórica democrática galega.”

Pola súa parte, o  portavoz do Partido popular, Cesar Fernández Gil, anunciou o voto en contra por considerar que o contido da iniciativa nacionalista debe ser resolta nos xulgados ao que o nacionalista respondeu acusando ao PP de “tibios, contemporizadores e pouco claros” á hora de condenar o franquismo ou tomar decisións nesa liña.  

Tras o resultado da votación coa  iniciativa nacionalista rexeitada polos votos do PP, Bará cualificou de  “despropósito” que persoas demócratas pasen polo xulgado e se lles pida unha pena que pode chegar a 247 anos, por unha acción pacifica, mentres a Fundación Franco segue facendo apoloxía e enaltecendo ao ditador, “é unha anomalía democrática”. Pasa o tempo e a familia Franco segue facendo manobras para “burlar os acordos parlamentarios”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG