O non do PP e a abstención do PSOE impiden que o Parlamento se pronuncie contra as patentes das vacinas

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado recorda que a liberación das patentes das vacinas xa se fixo coa da SIDA e critica que coa COVID19 se recorten ata dereitos fundamentais, pero non se queira eliminar patentes

“A liberación de patentes destinadas a vacinas, fármacos, probas diagnósticas ou tecnoloxía relacionadas coa COVID19 é precisa, é posible, é legal e existen precedentes: o que fai falta é vontade política para facelo”. Así defendeu a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, a proposta do BNG no Parlamento galego para apoiar a iniciativa global -á que xa se adheriron máis de cen países e organizacións sociais- para aplicar a exención dos dereitos de propiedade intelectual das vacinas e demais produtos empregados na loita contra o virus, mentres dure a pandemia e ata acadar a inmunidade de grupo a nivel mundial.

Prado lembrou o precedente existente neste sentido durante a epidemia da SIDA, cando en 2001, no momento en que o VIH mataba a miles de persoas, a denominada Declaración de Doha recoñeceu “o dereito dos Gobernos a tomar todas as medidas precisas para eliminar as patentes e outras barreiras de propiedade intelectual para priorizar a saúde pública fronte aos intereses comerciais”.

“Para loitar contra o coronavirus téñense tomado medias que supuxeron a eliminación de dereitos fundamentais, téñense confinado a millóns de persoas, prohibido a liberdade de circulación e de reunión, e resulta que non se poden eliminar, temporalmente, as patentes para salvar vidas? Por que o negocio das farmacéuticas está por diante”, cuestionou para a continuación reprochar: “claro que se pode, o que é diferente a non querer”.

A portavoz nacionalista de Sanidade recalcou que as patentes “permiten que se controle a produción, a distribución, a comercialización e, polo tanto, os prezos” e criticou a “lóxica perversa” que está impedindo desde unha posición estritamente economicista a recuperación “porque impide o acceso universal ás vacinas e, en consecuencia, lograr a inmunidade que precisamos”.

Neste sentido recalcou que a capacidade de produción actual “só cubre unha mínima parte das necesidades de vacinación” e que os beneficios das farmacéuticas e a lei do mercado “non poden determinar cantas vacinas se producen, como se reparten e a quen”. “Só temos dúas opcións: vacinas para todo o mundo ou sálvese quen poida”, advertiu.

Logo de criticar o papel da UE nesta cuestión de vital importancia, favorecendo os intereses de determinadas multinacionais e sendo incapaz mesmo nin de exixirlles o cumprimento dos acordos asinados, Prado afeou tamén a negativa a negociar a adquisición de vacinas que non sexan “territorio OTAN”. Por iso, a iniciativa do BNG tamén propón a non limitación de ningunha vacina que teña superado os preceptivos controis sanitarios e que se incorporen aos procesos de adquisición as que xa están aprobadas.

Segundo recalcou, a iniciativa nacionalista pretende basicamente facilitar a produción masiva da vacina e o acceso universal á mesma, “o que permitiría abaratar o custe, propiciar unha inmunización rápida e acelerar a recuperación”. “É unha proposta excepcional para unha situación extraordinaria”, concluíu. Pese aos seus argumentos, a proposición non de lei do Bloque non prosperou polo veto do PP e a abstención do PSOE.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG