Vence dille a Feijóo que ir a Bruxelas a colgarse medallas de nada lle serve ao sector pesqueiro

Xavier Vence, portavoz nacional

O sector pesqueiro sofre unha situación de “estrangulamento e parálise da súa actividade” da que o BNG responsabiliza ao Goberno da Xunta pola súa incapacidade de anticiparse aos problemas e de negociar solucións en Madrid ou ante as autoridades comunitarias.

O portavoz nacional, Xavier Vence, denuncia que a situación do cerco, arrastre e do xeito, e as ameazas á industria conserveira do atún e do mexillón non var ter solución con visitas “a destempo” de Feijóo a Bruxelas cuxa única intención real é sacar réditos do traballo de outros.

“Quero dicirlle ao señor Feijóo que Galiza precisa dun goberno que anticipe os problemas, que teña unha axenda de negociación a tempo en Bruxelas e en Madrid, e que non vaia a toro pasado ben a certificar o estrangulamento do sector, ben a colgarse medallas do traballo que tivo que facer directamente o sector, no caso do xeito, cunha delegación da man do BNG”, subliñou Vence.

O dirixente nacionalista citou catro cuestións concretas que sitúan ao sector pesqueiro nunha situación límite xa en 2015.

Reparto “inxusto” das cotas de pesca para o cerco e o arrastre “que apenas dan para dous meses de actividade”, a situación do xeito con a “ínfima” cantidade de 200 toneladas de sardiña para este ano, a industria conserveira do atún coa ameaza de supresión de aranceis de materia prima procedente de Filipinas e, por último, a falta de identificación da orixe do produto na etiquetaxe que afecta ao mexillón.

No caso do xeito, lembrou tamén a proposta normativa da Comisión europea para prohibir as redes de deriva, “ameza que confíamos conxurada”, salientou Vence, tras as explicacións dadas polo sector en Bruxelas suplindo o “desleixo” da Xunta, que o próximo mércores se enfronta a primeira votación na Eurocámara.

Pero non todo se decide na UE. No caso do reparto de cotas e do fondo pesqueiro, a día de hoxe a negociación “está en Madrid ante o ministerio”, onde o Goberno galego debería negociar a favor da frota do país unha distribución das capturas de xarda, xurelo e sardiña “que non condene a nosa frota ao desmantelamento”.

En relación aos fondos de pesca, Vence avanzou que o Bloque “non comparte” que se adiquen a financiar o despece de barcos e a acuicultura intensiva. “É ir na dirección contraria do que precisa o sector, desmantelando as nosas artes de pesca tradicionais a favor da cría artificial de peixe desde a acuicultura industrial”, concluíu, tras asegurar que o BNG seguirá a defender á pesca galega con iniciativas no Parlamento galego, no Congreso e na Eurocámara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG