Vence anima á militancia a un debate profundo que marque a folla de ruta da refundación do BNG

Xavier Vence, almorzo informativo cos medios.

O portavoz nacional, Xavier Vence, fixo un chamamento a toda a militancia a participar na XV Asemblea nacional e dar “un debate profundo para levantar a alternativa nacionalista que precisa este país”, tras un proceso de refundación “que debe ser a fondo para poñer ao BNG en sintonía coa nosa base social e co noso electorado”.

Xavier Vence

Nunha rolda de prensa de balance do seu labor desde a Portavocía nacional, Vence subliñou a importancia de 2016 coa previsible repetición das eleccións estatais e a celebración dos comicios galegos, que debe ser un “punto de inflexión” na vida política do país ante a eventual derrota do PP.

“2016 é un ano clave, moi importante para Galiza e para o nacionalismo, con eleccións que deben ser un punto de inflexión para a marcha política e económica do país”. Para afrontar esas citas, Vence aposta por un nacionalismo “capaz de asumir os retos máis urxentes, capaz de volver ser unha alternativa para a maioría social e contribuír a cambios de alcance”, argumentou.

“A maioría social que sofre as consecuencias das políticas da dereita ten a oportunidade de derrotar ao PP, que esnaquizan as conquistas e o benestar social, que esnaquizan a nosa economía e que esnaquizan o noso autogoberno”, subliñou. “Temos a oportunidade de darlle a volta a esta situación é o nacionalismo ten que estar aí, ser unha peza clave para esa derrota do PP”, recalcou.

O portavoz nacional entende que nesa derrota do PP, “o nacionalismo xógase tamén o seu propio futuro”.

“Se acertamos, se xogamos o papel que unha gran parte da sociedade nos pide nese proceso de derrota do PP e somos capaces de erguer un goberno alternativo no cal sexamos unha pata importante, o país saíra beneficiado e o nacionalismo empezará unha nova senda de recuperación da confianza social, recuperará o papel que queremos que teña, determinante na construción dunha Galiza con futuro”, explicou ante os medios.

Balance

Vence cualificou de “moi intensos” os tres anos que pasou exercendo a responsabilidade da Portavocía nacional, marcados pola aparición de novos axentes políticos tanto no Estado como en Galiza, e fai un balanzo “realista dos resultados e dos problemas a resolver”.

“Non esperaba un camiño de rosas porque a situación do Bloque era delicada, por iso entrei, coa intención de colaborar a recuperar un proxecto”, explicou un Xavier Vence “razoablemente satisfeito” do traballo feito para “reconectar” coa sociedade, “pero quédame a sensación de non ter conseguido colocar ao BNG de novo como forza determinante no panorama político galego”.

Xavier Vence, almorzo informativo cos medios.

Puxo en valor os cambios introducidos na organización nacionalista ao longo deste período, “no funcionamento interno, na relación cos movementos sociais, apostando por abrirnos á sociedade nas asembleas abertas, abrimos un novo diálogo con outras forzas políticas nas eleccións xerais”. “O barco está na boa dirección”, dixo, e agora a folla de ruta será a que marque a militancia na XV Asemblea nacional.

Vence salientou a “valía e experiencia” das persoas que se postulan á dirección do BNG, “perfectamente capaces de levar adiante o cambio” que maioritariamente acorden as bases no conclave do 28F sobre as diferentes propostas que hai enriba da mesa”, en cuestións como a fórmula de concorrencia electoral, organización interna ou alcance e tempos do proceso de refundación.

Proxecto diferenciado e autónomo

O dirixente nacionalista considera necesario que o Bloque “sexa capaz de presentar unha alternativa gañadora para as eleccións galegas de 2016, pero queda claro que ninguén no BNG, absolutamente ninguén, está pensando en diluír o proxecto nacionalista que representa o Bloque”, enfatizou.

“2016 é un ano para producir unha inflexión na vida política en Galiza, que pasa por derrotar ao PP e a todo o que representa para este país e a súa maioría social. Para iso é necesario sumar a todas as forzas que podan compartir uns puntos mínimos de rexeneración do país, darlle a volta as políticas de recortes, reforzo do autogoberno e contribuír así á conciencia nacional de país”.

En canto ao seu papel futuro dentro do Bloque: “Vou estar colaborando no que se me pida”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG