Valoración urxente sobre o proxecto de orzamentos xerais do Estado 2019

Evolución do investimento do Estado na Galiza
Evolución do investimento do Estado na Galiza

Desde o BNG queremos facer unha primeira valoración dos orzamentos xerais do Estado para 2019:

  1. O cambio de goberno en España non supuxo cambio nas políticas con respecto a Galiza. O agravio ao noso país mantense. Do desleixo e dos vetos dos gobernos do PP á tremenda labazada que para o noso país supoñen estes orzamentos de 2019, presentados polo PSOE e negociados e apoiados por Podemos-En Marea. 
  2. No BNG rexeitamos abertamente esta proposta de Orzamentos Xerais do Estado. A proposta é inaceptábel para Galiza. Un 20% de redución de investimento en Galiza nun momento en que a precariedade social e laboral, a emigración xuvenil ou o posíbel peche de empresas de relevancia caracterizan a realidade socioeconómica que padecemos. O contraste dos datos con respecto a outras comunidades (Valencia, Cataluña, Andalucía) é simplemente insultante para a sociedade galega.
  3. A comparativa da tendencia de investimento en Galiza entre a época en que a representación galega en Madrid negociaba melloras e investimentos para o noso país, vía deputados e deputadas do BNG, e o momento actual é demoledora, e deixa ben ás claras que o sucursalismo político é un pésimo negocio para a sociedade galega. Estes orzamentos volven constatar que Galiza só existe politicamente nos diferentes Parlamentos cando se fai valer a través de forzas propias e co centro de decisión no noso país. Infelizmente hoxe Galiza carece de peso e de representación no Congreso dos Deputados para se facer valer como país. 
  4. A sociedade galega precisa que se active politicamente canto antes o debate e o traballo ao redor dunha axenda galega de grandes temas. Necesitamos ter como país a intelixencia e a capacidade necesaria para centrarmos as prioridades de traballo político ao redor dos problemas principais da nosa realidade socioeconómica, que determinan a vida cotiá dos galegos e galegas. Desde o BNG vimos demandando, desde hai moitos meses, altura de miras e acordos de país na defensa dos intereses da sociedade galega. Os problemas das e dos galegos deben ser o centro da axenda política do noso país, e non outros impostos desde fóra. Infelizmente, dun Feixóo que traizoa en todos os grandes temas os intereses de Galiza e goberna sen complexos ao servizo de Madrid, do PP e das grandes empresas vinculadas, e dun PSOE que -co apoio de Unidos Podemos-En Marea- non só mantén senón que reforza o agravio do Estado a Galiza, pouco se pode esperar: sucursalismo á política do Estado e desleixo cos problemas da sociedade galega.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG