Urxente mudar un modelo de financiamento no que Málaga suma igual que as cidades galegas xuntas

Reunión municipal coa nova executiva nacional do BNG que encabeza Ana Pontón

Os concellos de Galiza son discriminados no reparto de fondos do Goberno central e cada veciño dun vila ou dunha cidade galega recibe 50 euros menos ca media estatal co actual sistema de reparto da Participación nos Ingresos do Estado (PIE).

Reunión municipal coa nova executiva nacional do BNG que encabeza Ana Pontón

O BNG vai levar tanto á Federación galega de municipios e provincias como a Cámara autonómica unha proposta para a modificación dos criterios cos que se distribúen estes fondos, que para o 2016 suman 11.341 millóns de euros. Desa cantidade, chega aos municipios do país o 5,05%, -583millóns de euros-, pese a representar o 6,24% da poboación total. En términos per cápita, cada concello recibe 209€ por habitante fronte aos 259€ de media estatal.

“Imos traballar no ámbito da FEGAMP e do Parlamento para que se leve a cabo con carácter prioritario unha modificación do sistema de financiamento para superar unha discriminación flagrante que e afecta aos nosos concellos que teñen servizos públicos peor financiados ca media do Estado”, anunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, na primeira reunión cos alcaldes, alcaldesas e responsables municipais do BNG.

Pontón fixo fincapé en que se trata dunha “dobre discriminación”: “Recibimos menos recurso nun país onde custa máis prestar servizos dada a dispersión e o envellecemento da poboación”, argumentou.

Santiago perde 5 millóns de euros

Cos datos do PIE correspondentes a 2016, a cidade de Santiago con 100.000 habitantes recibe 5 millóns de euros dos que lle correspondería se os recursos que Madrid aporta aos concellos galegos fosen cando menos igual á media estatal.

Pontevedra perde 4 millóns, un concello intermedio de 30.000 habitantes como Carballo deixa de percibir 1,5 millóns de euros e un pequeno municipio como San Sadurniño de 3.000 habitantes queda sen 150.000 euros.

Reunión municipal coa nova executiva nacional do BNG que encabeza Ana Pontón

“Moitos miles de euros por veciño e veciña que perden os concellos galegos e que poderían destinar a financiar servizos sociais de proximidade nun momento en que as familias están tendo moitas dificultades económicas”, indicou a tamén deputada.

Esta situación de discriminación agudízase no caso das grandes cidades, categoría na que se inclúe A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo por superar todas elas os 75.000 habitantes. A modo de exemplo, Málaga recibe o mesmo financiamento do Estado, 230 millóns de euros, que as seis grandes cidades galegas xuntas, -232,6 millóns de euros-, pese a que estas case a duplican en poboación.

Alianza grandes cidades

Neste sentido, o BNG considera que “sería conveniente unha alianza entre as grandes cidades galegas para loitar contra o réxime de privilexio no reparto de financiamento que teñen as cidades do Estado que superan o medio millón de habitantes”, salientou Pontón.

Esas urbes son Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Zaragoza, e Valencia, que co 18% da poboación acaparan o 33% dos 11.343 millóns de euros do PIE en 2016.

“Dentro do marco da reforma do financiamento local, unha das cuestións a propoñer é que as cidades galegas, prexudicadas por un sistema que beneficia ás grandes cidades do Estado, se unan na defensa dun financiamento xusto e non discriminatorio por parte do Goberno central”, subliñou Pontón.

Sentenza contra a Lei Montoro

A xuntanza municipal do BNG analizou tamén a sentenza do Tribunal Constitucional que tumba algún dos artigos da coñecida como Lei Montoro que poñía atrancos á prestación de servizos por parte dos concellos e vulneraba o marco compentencial.

“Convertía en papel mollado o Pacto local galego e esta sentenza abre a porta para retomar o diálogo entre Xunta e concellos para decidir como debe ser o reparto competencial”, explicou Pontón, tras asegurar que o BNG aposta por que servizos sanitarios e sociais que asumen os concellos pasen a ser prestados pola Administración autonómica.

Reunión municipal coa nova executiva nacional do BNG que encabeza Ana Pontón

É tamén unha sentenza “que deixa espido ao señor Feijóo que non tivo capacidade que preferiu poñerse ao servizo da estratexia do PP que a defensa das competencias e do autogoberno do país”, lamentou.

Ao encontro municipal, o primeiro coa nova executiva nacional que encabeza Ana Pontón, asistiron a práctica totalidade dos alcaldes e alcaldesas do BNG, responsables municipais en concello onde a formación nacionalista está co gobernando con outras forzas políticas, así como outros cargos con responsabilidade local tanto en municipios como nas deputacións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG