A TVG pode e debe emitir o documental “Frankenstein 04155” sobre o accidente de Angrois

Noa Presas
Noa Presas

Non é de recibo que este documental sobre as circunstancias do maior accidente ferroviario da historia de Galiza se emitise en TV3, converténdose en líder de audiencia cun 20,2%, e non na TVG

A parlamentaria do BNG, Noa Presas preguntou  ao director xeral da CRTVG,  porqué a TVG non emitiu  o documental Frankenstein 04155  sobre o accidente de Angrois. Un traballo, explicou do autor galego, Aitor Rei, impulsado pola plataforma das vítimas  do maior accidente ferroviario na historia de Galicia e  estreado recentemente en TV3, converténdose en líder de audiencia cun 20,2%.

Pola súa parte, Sánchez Izquierdo eludiu comprometerse sobre a futura  emisión do documental baixo a escusa de non ter recibido ningunha proposta. A resposta   do responsable da CRTVG non convenceu á deputada nacionalista que recalcou, “como  é posíbel que un documental feito en Galiza que narra o peor accidente ferroviario da historia do noso país, que conta a historia de 80 persoas mortas e 144 feridas, non se poida ver na Televisión Pública galega?”

O documental  explicou Presas, recibiu o  Premio do Público en Cineuropa, mención especial do xurado na Semana Internacional de Cine de Valladolid e  premio á mellor longametraxe no Festival Primavera de Cine. Un documental  que afonda nas causas e responsábeis do accidente e  resultado dun proceso de crowfunding  da Plataforma de vítimas do Alvia.

Ademais, “debulla os sistemas de seguridade ERTMS e ASFA, calcula o sobrepeso dos furgóns xeradores do tren, trata as balizas e eixos e tamén  como funcionou a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios que, como  se comprobou posteriormente grazas ás institucións europeas, non era independente”.

Precisamente foi o Parlamento europeo quen primeiro proxectou –fóra das salas de cinema- este documental, o 17 de novembro de 2015 nunha proxección impulsada pola  eurodeputada do BNG, Ana Miranda, proxección á que asistiron  80 persoas da propia Axencia Ferroviaria Europea (ERA).

A súa resposta, dixo a deputada a Sánchez Izquierdo,   non se corresponde cos principios xerais da lei que creou a RTVG. Non respecta a  “obxectividade, a imparcialidade, a veracidade e a neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural”. É “unha vergonza” que se escuse e non ter recibido unha proposta para a emisión do documental polo que avanzou que si está e a única razón,  o BNG rexistrará unha iniciativa propoñendo a súa  emisión.

Para a deputada, se está a producir  “unha ocultación” premeditada sobre as causas  que provocaron o accidente ao que sumou as últimas novidades coñecidas grazas ás  iniciativas da eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

RELEGAN DE FUNCIÓNS A UNHA XORNALISTA TRAS REIVINDICAR OS SEUS DEREITOS SALARIAIS E PARTICIPAR NOS VENRES NEGROS

Por outra parte, na comisión de  Control da Corporación da RTVG, Noa Presas  tamén preguntou sobre a decisión  de relegar a funcións de locutora a unha xornalista da TVG das súas funcións de redacción apenas uns días despois de ter conseguido o recoñecemento dos seus dereitos laborais na xustiza, funcións de redacción que levaba anos desenvolvendo sen  recoñecemento salarial. “Un exemplo máis dunha muller cobrando por debaixo da contía que debería retribuírselle polo seu traballo”, sentenciou a deputada.

A decisión adoptada pola dirección da CRTVG, en relación a esta traballadora non só se produciu despois da sentenza xudicial que recoñece os seus dereitos laborais,  senón despois doutra sentenza que recoñecía o seu dereito a folga o 8 de marzo e pola que se condenou á Corporación por prácticas de “esquirolaxe” durante a xornada de protesta da folga feminista o 8 de marzo.

A deputada afirmou que a  CRTVG, como a Xunta de Galiza,  son “os peores exemplos” de boicot encuberto á folga feminista,” e engadiu que  a xornalista forma  parte activa dos Venres Negros nos que  as traballadoras e traballadores que máis activamente participan nas protesta  foron obxecto de “ignominiosos e esperpénticos expedientes”, como os iniciados contra Tati Moyano e Carlos Jiménez.

Noa Presas lamentou que, unha vez máis, o Director xeral da CRTVG eludira responder ás preguntas formuladas polo BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG