Parlamento Galego

O traballo do BNG no Parlamento terá como obxectivos mellorar a vida d@s galeg@s e consolidar unha alternativa ao PP

  • Aposta polo diálogo desde proxectos políticos diferentes: “Sempre teremos a man tendida na defensa dos intereses de Galiza”
  • Os deputados e deputadas asumen as áreas de responsabilidade para a nova lexislatura

Galiza está en situación de emerxencia social cun número crecente de persoa que non chegan a fin de mes e, nese contexto, o grupo parlamentario do BNG centrará a súa estratexia de traballo na Cámara nun dobre obxectivo: mellorar a vida dos galegos e das galegas trasladando ao lexislativo propostas para resolver os problemas reais da maioría social, e traballar para consolidar un proxecto nacionalista que sexa alternativa ao PP.

“A nosa función é ser catalizadores das preocupacións da sociedade e sobre todo das propostas para mellorar a situación económica, a situación dos servizos públicos, de emerxencia social. A nosa estratexia é a da defensa dos intereses de Galiza e dos galegos e das galegas”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón. Neste sentido, aposta polo diálogo.

“As coincidencias que se podan dar no Parlamento teñen que vir porque haxa posibilidades de sacar adiante cuestións específicas que beneficien ao país, desde o diálogo, como é lóxico, escoitándonos, pero tamén sabendo que somos proxectos políticos diferentes. En todo caso, na defensa dos intereses de Galiza, o BNG sempre vai ter a man tendida”, salientou Pontón.

Pontón indicou que o Bloque vai desenvolver un traballo de oposición marcado polo “optimismo” e desde a “solvencia e experiencia acumulada” dun proxecto nacionalista necesario para o país.

O Grupo parlamentario do BNG trasladará a Executiva nacional a proposta de reparto de responsabilidades. Ana Pontón asume a portavocía na Cámara ademais das áreas de Economía, Igualdade, dereitos democráticos e autogoberno. Olalla Rodil a primeira vice portavocía así como as responsabilidades sobre Ensino, Cultura, Lingua e control da CRTVG, Montse Prado ocupa a segunda vice portavocía, asume a responsabilidade de coordinación do traballo do grupo e as áreas de Sanidade, Servizos Sociais e Pesca.

O deputado Xosé Luís Rivas, Mini, pasa a ser o portavoz en Medio Rural, Noa Presas a responsable de Industria e Enerxía e Luís Bará asume a portavocía para Territorio, Medio ambiente e Institucional.

En relación á conformación da Mesa como órgano de goberno da Cámara, Pontón indicou que sería positivo que recollera a “pluralidade” do hemiciclo que non existiu na pasada lexislatura, pero que iso depende da vontade dos grupos parlamentarios. En todo caso, “a nosa preocupación non son os cargos na mesa senón o traballo de oposición, as iniciativas que presentemos e reformar o proxecto político do nacionalismo”, explicou.

Preguntada pola posibilidade de que Feijóo non conclúa o seu mandato de catro anos na Xunta, a dirixente do BNG evita facer especulacións pero entende que sería unha “fraude. Igualmente, considera que a situación do Estado demostra que o réxime do 78 está esgotado ao que se suma a “incapacidade” da esquerda estatal para chegar a acordos sobre todo unha falta de vontade de diálogo con outras alternativas democráticas como as nacionalistas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG