É unha tomadura de pelo inaugurar as obras inacabadas de Rande para que AUDASA puidese subir as peaxes

Inauguración Rade (Foto: Xunta)
Inauguración Rade (Foto: Xunta)

Ana Pontón denuncia a complicidade de Feixóo no “timo permanante” a Galiza por parte do Goberno central

A portavoz nacional, Ana Pontón, pregunta a presidente da Xunta que vai facer ante a “enésima tomadura de pelo” as persoas usuarias da AP9 que pagan por partida dobre, con peaxes e retencións,  as obras de ampliación da Ponte de Rande, cuxos novos carrís están temporalmente cortados apenas un mes da súa inauguración.

A deputada do Bloque anunciou que pedirá explicacións no Parlamento, “porque é cada vez máis evidente que Feixóo e Raxoi apuraron unhas obras que non estaban rematadas para que       a concesionaria subise as peaxes, e iso implica un perigo para a circulación e para os traballadores da ampliación de Rande”,  salientou Pontón, quen indicou que o BNG “mesmo analiza se é posible emprender accións legais polo feito de que o Goberno recepcione unhas obras inacabadas poñendo en risco a seguridade viaria e a dos traballadores”.

Pontón pregúntase onde está a famosa comisión bilateral Xunta-Fomento para determinar as responsabilidades en situacións como as derivadas do peche dos novos carrís  de Rande. “É un auténtico abuso porque estamos pagando por unhas obras que nin sequera están finalizadas, un novo atraco aos petos dos e das galegas mentres AUDASA segue facendo caixa dándonos un servizo de terceira, xa está ben de escarnio e de asumir que a concesionaria pode facer o que lle pete grazas á complicidade dos gobernos central e galego”.

A portavoz nacional considera que “chegou o momento de pararlle os pés a AUDASA” e, á vista dos feitos, non ten dúbida de que o veto a transferencia “faise coa complicidade de Feixóo”. Só así se explica unha subida das peaxes na AP9 que triplica á medida estatal para unha autoestrada requeteamortizada, mentres se rescatan as radiais madrileñas “pagando con cartos tamén dos e das galegas o desfase do PP, e despois de rescatalas vanse volver vender as mesmas concesionarias desas radiais. E un timo permanente ao noso país, xa está ben de tomarnos o pelo e todo coa complicidade de Feixóo”, denunciou.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG