Tereixa Paz: " A reforma do regulamento pactada por PP e PSOE é un golpe á democracia"

Tereixa Paz

A parlamentaria denunciou que a modificación potenciará aos grupos maioritarios na Cámara galega

Intervención da deputada Tereixa Paz

Pleno.- A deputada do BNG, Tereixa Paz lembrou que tras o anuncio do PP de acometer 50 medidas para a rexeneración democrática e contra a corrupción en 50 días, pasados seis meses, comprobamos que aquel anuncio vai camiño de converterse “nas 50 sombras da fraude á democracia no noso país”.

 A  reforma do regulamento do Parlamento, debatida hoxe en sesión plenaria, dixo, constitúe auténticos “golpes á democracia” e segue no camiño de recortar dereitos aos deputados e deputadas. A nacionalista lembrou que o BNG sempre defendeu dotar o regulamento de instrumentos que plasmen máis e mellor o pluralismo político existente na sociedade e fuxindo de potenciar “exclusivamente as posicións dos partidos maioritarios”.

Na súa intervención, reclamou unha modificación do regulamento “máis áxil e con maior resposta á cidadanía”, transparencia no Parlamento e máis participación da cidadanía, “de forma directa” na Cámara galega.

A deputada anunciou o voto en contra do BNG a Proposición de lei defendida polo PP e PSOE porque xa no debate de toma de consideración desta proposta o Partido popular utilizaría a ocasión “brindada” polo Partido socialista para “eliminar de iure” os dereitos democráticos que xa tiña eliminado de fato.

O Partido popular amordaza o Parlamento galego co apoio do PSdG

A parlamentaria asegurou que ao PP non lle tremaría a man para dar un paso máis na anulación “do noso país” e con esta iniciativa, afirmou, o Goberno evidencia que lle sobran institucións como o Parlamento, “máxima expresión da soberanía do pobo galego”. Paz recalcou que o PP, a través desta modificación, conseguirá amordazar o Parlamento e convertelo “nunha terminal da Xunta de Galiza.”

Xornalistas siguen a intervención da parlamentaria do BNG

Tamén criticou algunhas das novas medidas da reforma entre as que destacou: “a participación da cidadanía” que cualificou de fogos de artificio por reclamar 2.500 sinaturas para tramitar unha proposición non de lei ” que no caso de ser aprobada, explicou, o “Goberno non ten obriga de cumprila”.

Isto é, dixo, “unha tomadura de pelo a toda a cidadanía” que deberá recoller ese número de sinaturas para que no mellor dos casos algún grupo queira defendela e que finalmente ficará “nunha das gabetas da directora xeral de Relacións co Parlamento”.

Por outra parte, apelou á xenerosidade do PP para aceptar a emenda nacionalista que propón a introdución dun novo artigo, 48 Bis, para dar a oportunidade á cidadanía a defender as súas propostas na Cámara galega e controlar ao Goberno a través dunha comisión cidadá así como regular a situación dos deputados e deputadas “non adscrit@s”, como medida para penalizar o transfuguismo ou posibles mocións de censura, “modificación que non foi aceptada”.

A reforma do regulamento busca potenciar aos grupos maioritarios

Para o BNG dixo, o máis relevante da reforma é o “recorte de dereitos dos grupos parlamentarios” potenciando o papel dos grupos maioritarios. A única forma de garantir a democracia, afirmou, “é que todos os grupos teñan a mesma capacidade de iniciativa e de control sobre o goberno”.

Tereixa Paz

A deputada anunciou o voto en contra do BNG á reforma do Regulamento porque, a partir de agora, o Partido popular non temerá que o Tribunal Constitucional anula a disposición no recorte dos dereitos da cidadanía e a mordaza aos grupos parlamentarios. É impresentábel negar a posibilidade a todos os grupos formular unha pregunta ao Presidente en sesión plenaria. Esta regulación, recalcou, “deixa en papel mollado” o acordo para formular dúas preguntas por grupo ao Goberno, a cambio, o PP “fai o paripé” de crear unha comisión de investigación pero na práctica será imposible unha comisión para investigar o accidente de Angrois.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG