Tereixa Paz pide a devolución da Lei de transparencia do PP porque é "inservible"

@s xornalitas siguen a intervención da deputada do BNG

A nacionalista pedíu a devolución da lei por entender  que a norma proposta polo PP non garante información sobre o número de asesores da Xunta, altos cargos das empresas públicas , concesionarias ou referencias sobre as incompatibilidades para acceder ás chamadas “portas xiratorias”.

Tereixa Paz diríxese ao vicepresidente, Alfonso Rueda

Pleno. Tereixa Paz pediu hoxe a devolución do Proxecto de lei de Transparencia e bo Goberno “por inservible” e impedir o acceso á información da cidadanía en cuestións como o funcionamento de fundacións con cartos públicos, as concesións a empresas privadas ou casos de corrupción coñecidos publicamente.

A deputada, tras escoitar ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que a lei non garante información sobre asesores da Xunta, altos cargos das empresas públicas , concesionarias ou as referencias sobre as incompatibilidades das chamadas “portas xiratorias”.

A nacionalista lembrou que Feijóo pretendeu “zanxar calquera debate político” relacionado coa corrupción ao “hibernar” a comisión de medidas contra a prevención da corrupción no Parlamento. Despois de dez meses da comparecencia do Presidente da Xunta, dixo, podemos afirmar que o contido da lei de transparencia presentada hoxe, contén “medidas cosméticas”, non mellora os mecanismos de información dos deputados e deputadas nin sequera contempla que o rexistro do Parlamento sexa público para a cidadanía nin medios de comunicación.

O BNG pide devolver a Lei do PP e formular un novo texto con medidas contra a corrupción

Tereixa Paz defendeu unha emenda de devolución do texto por considerar que a lei “segue no camiño do Estado español nesta materia” e adopta un “modelo desfasado” coas aspiracións da cidadanía e doutros estados máis avanzados. Estamos, recalcou, ante “unha transposición da lei estatal ao marco autonómico”.

Intervención da deputada do BNG, Tereixa Paz

A nacionalista apelou ao dereito de información e expresión consagrado no Convenio de Dereitos Humanos, dereito, dixo, que o Partido popular, a través deste proxecto de lei, “non lle da a consideración para que a cidadanía teña acceso a información pública”. Estamos, polo tanto, ante unha lei “moi deficitaria”.

Por outra parte, tamén aludiu a “escándalos” provocados por decisións políticas entre os que destacou: o crecente sistema de privatización de servizos públicos, a execucións de recursos públicos por empresas privadas, casos de corrupción que non están obrigados “como suxeitos na lei” ou a imposibilidade de “fiscalización” por parte da cidadanía.

A Lei impide que as formacións políticas e a cidadanía acceda a información sobre tramas e corrupción

Esta lei, preguntou, evitaría que no futuro o Presidente da Xunta, tras coñecer a súa vinculación cun narcotraficante que accedeu a contratos públicos puidese ocultarnos eses contratos con Marcial Dorado?. Eu, dixo, “afirmo que si, con esta lei volvería acontecer”, ao igual que ocultar información sobre a trama Gürtell.

@s xornalitas siguen a intervención da deputada do BNG

O Hospital de Vigo tiña unha previsión de investimento de 400 millóns de euros pero pola vía de financiamento púbico-privado elixido pola Xunta custará tres veces máis, con esta lei o Parlamento, a cidadanía e colectivos de doentes non poden exercer “ningún control” sobre os máis de mil millóns de euros que vai xestionar o Hospital de Vigo.

Tereixa Paz afirmou que a lei de transparencia do PP non permite fiscalizar fundacións privadas con cartos públicos como a Fundación Camilo José Cela que recibe máis de 300.000 euros ao ano ou as entidades bancarias rescatadas, tamén con recursos públicos e como se usaron polas antigas caixas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG