A situación da sanidade pública non se soluciona cun cambio de caras senón con investimento

Manuel Lourenzo, viceportavoz parlamentario.
Manuel Lourenzo, viceportavoz parlamentario.

Urxe un xiro de 180º que deixe atrás os recortes e privatizacións do PP e propón un plan de choque de 200M€ para unha atención primaria colapsada

Lourenzo: “A crise da sanidade pública, tras unha política de anos de desmantelamento do sistema, xa non pode ser ocultada polo Goberno”

 O BNG destaca que o cese do xerente da Área sanitaria de Pontevedra- O Salnés afonda na crise do SERGAS, que nos últimos tempos rexistra unha sucesión de dimisións, e pon de manifesto unha realidade de deterioro da sanidade pública, tras trece anos de recortes e privatizacións, que xa non poden ser ocultada polo Goberno do PP.

“Existe unha metástase que se chama desmantelamento, recortes e privatizacións da sanidade pública e que ten na Área sanitaria de Pontevedra- O Salnés un dos epicentros”, salientou graficamente o viceportavoz parlamentario, Manuel Lourenzo, que pon o foco na urxencia dun cambio de rumbo no que os recortes do PP sexan desprazados por unha aposta polo sistema público de saúde con máis recursos e medios.

“Urxe un xiro de 180º das políticas do Goberno do PP porque a crise sanitaria, o colapso da atención primaria non se vai solucionar con ceses nin con cambio de caras, require máis investimento e máis orzamento, empezando por atención primaria cun plan de choque de 200 M€ para sacala da situación de colapso e para dotar ao corazón do sistema do persoal sanitario necesario, así como a incorporación de novas especialidades como psicoloxía clínica ou fisioterapia”, explicou Lourenzo.

O Bloque denuncia que a política de acoso e derribo do Executivo do PP está impactando na saúde dos e das galegas, obrigados a esperas de até dúas semanas para poder ter cita presencial nos centros de saúde, unha situación que se agrava nos meses de verán con aínda menos persoal mesmo en concellos que multiplican a súa poboación en período estival.

A formación nacionalista critica que o Goberno do Partido Popular teña dado carta de normalidade á precariedade laboral dentro do sistema público de saúde e que o SERGAS se teña convertido na maior ETT do País. Unha precariedade que vai en detrimento da calidade do servizo e que tamén está provocando a fuxida de profesionais en especialidades como Atención primaria, de tal xeito que dos 89 MIR formados este ano, só trinta optaron por quedarse nesa especialidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG