Para o SERGAS a construción do centro de alta resolución e o PAC de Lalín non son unha prioridade

Luís Bará
Luís Bará

O deputado do BNG, Luís Bará lembrou que o Servizo Galego de Saúde e o concello de Lalín asinaron  un convenio no ano 2011 e un protocolo de colaboración no 2015 para a construción das infraestruturas sanitarias no concello e para melloras sanitarias que a día de hoxe non se produciron

O deputado por Pontevedra, Luís Bará formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre os prazos para a construción dun Centro de Alta Resolución e un Centro de Saúde e Punto de Atención Continuada no concello de Lalín como recollen os convenios asinados entre o SERGAS e o goberno municipal.

Bará explicou que no ano 2011, o concello de Lalín e o SERGAS asinaron un convenio para a construcións de ambas infraestruturas sanitarias coa obriga por parte do concello de poñer á disposición da Xunta os terreos dos referidos centros. No ano 2015, “a tres meses das eleccións municipais” asinábase un novo documento “Protocolo de colaboración” para o estudo de viabilidade do CAR pero, nesta ocasión  sen incluír o novo centro de saúde. “O concello de Lalín, foi o único que cumpriu destinando 17 mil metros cadrados e investindo 355.000 euros”.

O nacionalista indicou que hai un ano, membros do grupo municipal do PP de Lalín reuníanse co conselleiro Jesús Vázquez Almuiña comprometéndose o titular de sanidade  a unha nova xuntanza para trasladar os resultados dos estudos da consellería e anunciando melloras no servizo de Pediatría e a posta en marcha de Hemodiálise e  hospitalización a domicilio (HADO), anuncios, afirmou  Bará, que “nunca chegaron a materializarse”.

A realidade é que o protocolo prevía un grupo de traballo que “nunca se reuniu” e a maiores no Parlamento galego foi aprobada unha iniciativa do propio Partido popular, defendida por Román Rodríguez que a día  de hoxe, “non mudou”. Parécenos “moi grave” que despois de que o concello de  Lalín destinara 355.000 euros nos terreos para acoller  o Centro de Alta Resolución e o  PAC, vostedes consideren que non é prioritario construír uns  centros aos que se comprometeron.

Pola súa parte, o xerente  do SERGAS, Antonio Fernández Campa respondeu que   o servizo de Saúde  ten como prioridade mellorar a calidade sanitaria  e destacou que entre as iniciativas destaca a teleasistencia que permiten as consultas sen necesidade de que os doentes se despracen polo tanto ese “achegamento a un centro de Alta Resolución non é imprescindible nin prioritario”.

Na réplica, o deputado do BNG reiterou a pregunta sobre os compromisos asinados entre a Xunta e o concello de Lalín para a construción dos devanditos centros e cualificou de  “ xogo de escapismo” a resposta do titular do SERGAS.

Bará cuestinou que a teleasistencia resolva o problema sanitario e reiterou que Lalín precisa dos centros demandados. “Os cartos investidos polo concello nos terreos son de todos e todas e non se poden tirar”, manifestou o parlamentario do BNG. Lamentamos  que  a súa resposta confirme que non van cumprir cos seus compromisos, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG