Parlamento Galego

Sanidade e a situación de desprotección do litoral galego centrarán os temas do BNG no pleno do Parlamento

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Sanidade, a través da pregunta de control ao presidente da Xunta, e a desprotección da costa galega que volveu deixar en evidencia o accidente do Blue Star, centrarán os temas que o BNG levará ao próximo pleno, como explicou a viceportavoz parlamentar Olalla Rodil, tras a Xunta de portavoces.

“A pesar dos anuncios pomposos da Xunta e da propaganda, a preocupación social polo deterioro da sanidade pública continúa a ser máxima”, subliñou Rodil, “pero vemos que o Goberno non ten vontade de adoptar medidas reais, concretas, que revertan o gravísimo deterioro sufrido nos últimos anos, especialmente en atención primaria”.

A conflitividade social, -cunha folga convocada polo persoal médico a vindeira semana, constata ese deterioro, “que non corrixe o proxecto de orzamentos 2020 pois mantén un recorte do 10% a respecto de 2009. Unha década despois e con todo o que viviu este país o orzamento de atención primaria computa 142 M€ menos”, salientou Rodil, quen reclamou “cambios profundos” en primaria; incrementar o persoal e o investimento para acabar coa masificación dos centros de saúde e a perda de calidade asistencial que supón.

“Desde logo, o camiño non é seguir recortando, como vimos estes días en Verín coa supresión das gardas hospitalarias de pediatría e do paritorio no hospital comarcal. Cuestión que tamén levaremos a pleno”, explicou a viceportavoz.

O outro asunto que o BNG destacará na sesión plenaria é a seguridade marítima tras o accidente do quimiqueiro Blue Star, encallado con 105 toneladas de combustíbel.

“Imos interpelar á conselleira do Mar sobre esta cuestión que trouxemos á Cámara noutras ocasión para reclamar a transferencia das competencias en materia de salvamento marítimo”. Cada día pasan polo Corredor de Fisterra unha media de 35 buques con mercadorías perigosas, principalmente hidrocarburos, “o que constitúe unha bomba de reloxaría e unha ameaza permanente”, advertiu.

E tamén hai que ter en conta que Galiza é un país altamente dependente da pesca, cunha importantísima frota pesqueira “para a que reclamamos as maiores garantías de seguridade”. Neste contexto, “non pode ser que o centro de decisión fronte a calquera accidente estea a 600 quilómetros terra dentro e que este país non conte con todos os medios necesarios para dar unha resposta rápida e efectiva”, concluíu Rodil.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG