Parlamento Galego

Rosana Pérez reclama a intervención da Xunta para garantir a seguridade das tripulacións dos helicópteros do Servizo de Gardacostas

Rosana Pérez
Rosana Pérez
A deputada do BNG rexistra unha batería de iniciativas no Parlamento para que se cumpran as condicións obrigadas de mantemento nas aeronaves

O BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta tome medidas na “grave situación” que se está a dar na operatividade e mantemento dos helicópteros do Servizo de Gardacosta e que, segundo explica a portavoz de Pesca Rosana Pérez, “pon en grave risco ás tripulacións e á propia xente do mar”.

A deputada nacionalista reclama ao Goberno galego que “faga cumprir rigorosamente” á empresa Babcock España, adxudicataria do servizo, “con todas e cada unha das cláusulas establecidas no contrato” para o desenvolvemento de labores de vixilancia, loita contra a contaminación e salvamento marítimo.

Pérez argumenta que o contrato establece a obriga de substituír un helicóptero que queda fóra de servizo por outro das mesmas características nun prazo máximo de 48 horas, algo que, segundo explica, foi incumprido “en reiteradas ocasións sen que conste apercibimento, apertura de expediente ou penalización por parte da Xunta”. Neste sentido, lembra que os distintos sindicatos levan anos denunciando que as aeronaves quedan fóra de servizo sen ser substituídas, polo que no caso de se presentar unha emerxencia, os recursos estarían reducidos ou serían inexistentes.

A portavoz de Pesca pon como exemplo o mantemento en activo sen os obrigatorios flotadores de emerxencia dun helicóptero que quedou fóra de servizo o pasado 11 de outubro sen que fose, ademais, substituído durante unha semana. Esta decisión da empresa é, ao seu xuízo, “altamente arriscada e cuestionábel” por supoñer unha “clara diminución das capacidades de rescate da aeronave” e “unha morte segura para a tripulación no caso dunha amerizaxe de emerxencia”.

Así mesmo, a deputada nacionalista advirte que se teñen posto en servizo helicópteros con prestacións inferiores ás requiridas no contrato e, polo tanto, ás esixidas “para un servizo vital nas nosas costas e que con este tipo de actuacións pon en risco claro ás tripulacións e ao propio salvamento da xente do mar”. “Actuacións das que -reprocha- é coñecedora a Consellería do Mar”. 

Por último, Pérez subliña que a inoperatividade das aeronaves do Servizo de Gardacostas foi suplida en ocasións cos servizos do Helimer da sociedade estatal Sasemar, pero que, neste momento e por unha menor dotación puntual da Sasemar, dos catro helicópteros que dan servizo público no país, só permanecen totalmente operativos dous. 

“Polo tanto, é urxente que a Consellería esixa o cumprimento estrito do establecido no contrato a Babcock España coa finalidade de solucionar definitivamente esta serie de despropósitos e non siga tolerando a exposición que supón a inoperatividade dalgún helicóptero ou o seu funcionamento en condicións deficientes”, conclúe.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG