Rosana Pérez presenta proposición para que se sancione a AUDASA e pide unha AP-9 gratuita

DSC_0659A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei na Cámara na que insta ao Ministerio de Fomento a sancionar a AUDASA por comportamento abusivo por cobrar as excesivas peaxes da AP-9 cando non oferece un servizo de calidade, especialmente en circunstancias de enormes atascos de tráfico ante as cabinas de pago como sucedeu o domingo pasado.

Rosana Pérez realiza unha serie de demandas a Fomento en relación á AP-9. Así empraza a Fomento a renegociar coa concesionaria, e a fixar no pliego de condicións a obrigatoriedade de levantar as barreiras das cabinas ante atascos que superen os dous quilómetros como se estabelece noutros territorios do estado.

Ademáis, a deputada do BNG pide a Fomento que xestione con AUDASA a rebaixa dos prezos das peaxes “axustándoos á grave situación económica que padecen os habitantes de Galiza”. De igual xeito, reivindica que se reclame á concesionaria a aplicación dun programa de descontos polo uso frecuente da autoestrada, análogo ao que aplica noutras autoestradas do estado. Rosana Pérez vai máis alá e insta a Fomento a proceder ao resgate da AP-9 rematando a explotación privada en máns da concesionaria a fin de convertila nunha autoestrada gratuita.

A parlamentar nacionalista quer que o Ministerio exixa á AUDASA que “repercuta os seus multimillonarios beneficios na mellora da autoestrada que adoece de deficiencias en moitos dos seus tramos, e na mellora da calidade do servizo que experimentou un empioramento significativo”. Finalmente, Rosana Pérez coloca enriba da mesa a necesidade de traspasar á Xunta a xestión da autoestrada AP-9.

Críticas á doble moral da Xunta

A deputada do BNG recolle na súa iniciativa parlamentar o sucedido o pasado domingo cando miles de persoas ficaron atrapadas nun enorme atasco na AP-9 á altura de Santiago de Compostela. A pesar da situación xerada “de auténtica parálise circulatoria, AUDASA en ningún momento adoptou a medida de levantar as barreiras”.

Lembra que o BNG leva anos levando a problemática da AP-9 ao Congreso através de proposicións que “sempre recibiron o voto en contra do PP”. Considera “curioso que por fin o Presidente da Xunta asuma propostas como as que o BNG fixo desde sempre sobre a AP-9” e afirma que “resulta satisfactorio comprobar que cando se acercan procesos eleitorais, o PP da por boas as propostas xa históricas que facemos outras formacións políticas, a pesar de que o mesmo partido que goberna na Xunta vote en contra das nosas proposicións no Congreso”. Sen ir máis lonxe, recentemente no pasado mes de marzo.

“E dixo que non, subliña Rosana Pérez, “á anulación de calquer suba das peaxes, ao programa de descontos e e a convertela nunha autoestrada gratuita, libre de peaxes”.

Rosana Pérez sinala que “polo ben dos galegos e das galegas desexamos que o cambio de rumbo do Goberno galego en relación ás peaxes da AP-9 e as súa deficiencias non sexa o típico cartel propagandístico”. Debemos salientar que desde o inicio da crise económica o BNG ven demandando que se paralicen os prezos das peaxes na AP-9, “máis Fomento fixo ouvidos xordos”.

A parlamentar nacionalista afirma que “é hora de superar a vella política de peaxes, abusiva e contraproducente para os intereses dos usuarios galegos e galegas. É un modelo esgotado que a sociedade non comparte”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG