Rosana Pérez pide ao Ministro de Educación máis cartos para becas e maiores contías

bng4002A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei na Cámara Baixa na que insta ao Ministro de Educación a aumentar o orzamento destinado a bolsas e axudas ao estudo para situalo na media de países da OCDE que está nunha porcentaxe do 0,3% do PIB.

O estado español está no furgón de cola cun cativo investimento en materia de becas do 0,1% do seu PIB.

Rosana Pérez criticou desde o minuto cero a modificación que fixo Wert do sistema actual de becas xerais de Universidade. “Fomos moi críticos coa decisión do Ministerio de cambiar o sistema de concesión de axudas ao estudo, estabelecendo unha parte fixa e outra variábel, modelo que se demostrou pernicioso e que produce unha grande inquedanza entre os estudantes, que non só estiveron pendentes da parte variábel senón que soportaron enormes retrasos na súa concesión”.

Razón pola que empraza ao novo titular de Educación a modificar con carácter urxente o sistema de becas xerais, para estabelecer un sistema estábel, sen partes variábeis para que os estudantes poidan programar o seu curso académico sabendo de inicio cal será a contía que lle corresponderá de axuda.

Ademáis, Rosana Pérez demanda ao Ministro que “mellore as contías das axudas ao estudo que debido ás políticas de recurtes deste Goberno retrocederon aos umbrais do ano 2014. Ten que flexibilizar os requisitos para que poidan acceder un maior número de estudantes”.

A política de axudas ao estudo “foi perniciosa”

Para a deputada do BNG “a política de bolsas do PP non puido ser máis desastrosa. Como dí o informe da CRUE, a redución dos fondos públicos destinados a esta materia provocou que a contía das axudas se sitúe nos níveis do 2004”, e recrimina ao Goberno a súa propaganda sobre o medre de número de becarios. “É unha propaganda enganosa porque hai máis becarios porque as rendas familiares caeron brutalmente e entran máis familias nos ratios estabelecidos. Pero as contías baixaron moito”.

A parlamentar nacionalista concorda co informe da CRUE ao concluir que “o estado español posee un dos prezos públicos da Universidade máis elevados da UE, e un dos níveis máis baixos en materia de bolsas e axudas ao estudo, moi por debaixo da media de países da OCDE”.

Salienta dados escandalosos reflexados no informe da CRUE como que o estado español é o cuarto da UE onde máis caro resulta estudar un grao universitario. O custe dos postgraos duplicouse nos últimos cinco anos, e “por riba reducen as contías das becas”.

Neste sentido, Rosana Pérez demanda un cambio urxente na política de bolsas de xeito que estean listas para o vindeiro curso 2015-2016.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG