parlamento galego

Rosana Pérez cualifica de “desastrosa” a nova regulación de Portos de Galiza sobre os espazos para a pesca recreativa

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Afirma que  a medida de Portos de Galiza  “tirou pola borda” o traballo realizado durante dez meses  coas asociacións implicadas  e grupos afeccionados á pesca de lecer

Critica a exixencia dun seguro para os  pescadores  cando as zonas elixidas por Portos de Galiza son  “inadecuadas” e nalgúns casos cun alto risco

A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez  preguntou hoxe ao goberno porqué  despois de dez meses foron publicados os planos das zonas para pescar legalmente,  “sen ser acordados coas asociacións representativas coas que se viña traballando até ese momento”.

A parlamentaria do BNG criticou a exixencia dun “seguro” pero sen ter en conta que as propias aseguradoras non están dispostas a asegurar as persoas maiores nin os menores de catorce anos. Por outro lado, a nova norma establece unha distancia de 5 metros entre os pescadores cando nos centros educativos, lugares pechados se establece 1,5 metros. Ademais, engadiu,  tamén exixen que cada pescador vai acompañado por unha  persoa, “circunstancia que as veces non é viable”. 

Rosa Pérez lembrou que a Resolución do 26 de xullo, de Portos de Galiza levantou a prohibición da práctica da pesca marítima de recreo e  explicou que esta actividade nas instalacións portuarias viña atraendo a miles de afeccionados aos diferentes peiraos de todo o país. A finais do ano 2020, indicou a nacionalista,  as licencias expedidas en Galiza chagaron até 80.000 e o 4 de febreiro deste ano foi debatida no Parlamento unha iniciativa do Partido popular para estudar unha fórmula sobre a autorización desta práctica deportiva dende as dársenas portuarias “en condicións de seguridade, normalidade e sustentabilidade”.

Pola súa parte, Portos de Galiza mantiña contactos cos diferentes federacións deportivas e asociacións e no mes de xuño, o organismo presentaba, o documento definitivo para a pesca recreativa acordado coas entidades asociativas. O documento recollía que dos 122 portos galegos, 103 permitían o uso de canas, 76 con restricións acoutando espazos para non colidir coa pesca profesional e en 19, a pesca recreativa quedaba  prohibida.

O 7 de agosto, Portos de Galiza, publica, “de maneira unilateral” os planos dos peiraos para a pesca legal, peiraos que os afeccionados  critican por ser zonas “naxeitadas” e con condicións imposibles de cumprir como a distancia entre pescadores ou a prohibición de utilizar os contedores portuarios. Para a deputada, con este proceder, Portos de Galiza “tirou pola borda dez meses de traballo”. Neste sentido, engadiu que as asociacións  eran partidarias dunha ordenación pero non desta maneira. En opinión da deputada, tanto Portos de Galiza como a consellería do Mar están a dar “pasos erráticos” que levan á confusión. Asemade, afirma Rosana Pérez propiciaron excepcións “ad hoc” fóra da norma e pactos con distintos sectores.

Rosana Pérez reiterou que debe reiniciarse o diálogo entre Portos de Galiza e as asociacións para chegar a unha regulacións que non prexudique aos pescadores da pesca recreativa. 

Tras a intervención da Presidenta de Portos de Galiza, Susana Lenguas, a deputada do BNG lamentou a falta de respostas ás cuestións formulas e reiterou que o Bloque nacionalista defende a seguridade de todas as persoas que se dedican á pesca de lecer e o respecto a pesca profesional e  volveu a preguntar se Portos de Galiza vai rectificar as zonas dos portos para esta actividade tendo en  conta as alegacións do sector. “Van seguir sentándose co sector para mellorar os erros cometidos? concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG