Rosana Pérez censura o novo sistema de bolsas porque non garante o dereito á educación

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, foi moi crítica esta mañá co Real Decreto que fixa o novo sistema de axudas e bolsas ao estudo aprobado o pasado 2 de agosto e que supón un endurecemento das condicións e requisitos para acceder a estas axudas.

Unha vez rematada a intervención do Ministro de Educación, foi o turno da deputada do BNG quen lle dixo que “reiteramos a nosa opinión expresada xa cando comparecera a Secretaria do Estado no mes de xuño, e unha vez coñecido o regulamento con detalle, temos que dicer que se cumpriron os piores augurios: vulnéranse as garantías constitucionais do dereito á educación”.

Rosana Pérez sinaloulle que “a pesares do que din no preámbulo, vostés van excluir do ensino público non obrigatorio a miles de estudantes, do mesmo xeito que xa o fixeron en 2012”. Nesa liña, salientou que “isto que digo non é só a opinión do BNG. Coincidimos coas críticas de miles de estudantes, pais e nais, profesores, e co rotundo dictame do Consello de Estado ou coas críticas da Conferencia de Reitores que vosté se negou a receber”.

Non é certo que manteñan o esforzo financeiro porque a contía das bolsas descendeu en 200 millóns

A parlamentar nacionalista contradeciu ao Ministro nas súas afirmacións de que se mantiña o investimento para as bolsas. “Non é certo que o Goberno manteña o esforzo financeiro porque a contía adicada ás bolsas e axudas ao estudo descendeu. Hai 200 millóns menos. Unha contía que está conxelada desde hai tres anos mentras o poder adquisitivo das familias cae de maneira significativa”.

Nese sentido, reprochou a Wert que “vostés consideren que unha familia de catro membros que supera os 14.000 euros de ingresos xa está no nivel 2, cando o mesmo INE considera que unha familia de catro membros nun nivel de ingresos de 15.000 euros esta no umbral da probeza”. A deputada do BNG insistiu en que se trata de dados obxectivos.

Para o BNG, puntualizou, “as bolsas deben servir para cubrir as necesidades mínimas de aqueles que queiran estudar, independentemente dos esforzos porque xa hai requisitos académicos dabondo. E ademáis, lémbrolle que non estamos a falar de bolsas de excelencia, senón de axudas ao estudo”. Censurou o favoritismo ao ensino privado porque mentras este Real Decreto exclúea miles de estudantes de familias humildes, segue apagar asa xudas de matrícula ao alunado das Universidades privadas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG