Mini demanda melloras nas condicións laborais do persoal de SEAGA cuxo labor é crucial na loita contra o lume

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini
Mini demanda melloras nas condicións laborais do persoal de SEAGA cuxo labor é crucial na loita contra o lume

“A experiencia, profesionalidade, sacrificio e eficacia dos e das traballadoras de SEAGA ten sido demostrada nas súas actuacións no combate directo contra o lume que enfrontaron en todas estas campañas pasadas”.  Así se refería o  deputado pola Coruña e portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, ao persoal desta empresa pública para reclamar á Xunta que mellore as condicións laborais duns efectivos humanos cuxo papel é clave na loita contra os incendios.

Por iso, demandou en sede parlamentaria garantía de que se mantén SEAGA, modificar a actual normativa para que se teña en conta a experiencia dos traballadores e traballadoras á hora de ser incluídas nas listas de contratación da Administración galega, eliminar o protocolo que establece tarefas de prevención e extinción no período de risco de incendios forestais, e aplicar o quinto convenio a este persoal.

Rivas esgrimiu tamén como evidencia da importancia destes efectivos que SEAGA é peza clave ao longo de diferentes gobernos galegos e de diferentes políticas forestais “sendo unha peza clave no dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais dos últimos 11 anos, oito deles con conselleiros nomeados polo actual presidente da Xunta”, alegou.

O Bloque subliña que sería un “desperdicio de recursos económicos e humanos” para o sector público desprenderse deste capital humano no que a propia Consellería estivo investindo en formación durante anos.  “A capacidade organizativa, estrutural e a experiencia acumulada polo persoal de SEAGA non é substituíble por brigadas formadas circunstancialmente polas administración locais”, alegou.

“Se temos en conta as denuncias das organizacións sindicais sobre as condicións salariais dos traballadores da empresa, tampouco se pode argumentar unha cuestión económica e de aforro para prescindir do dispositivo de SEAGA”, afonda Rivas.

Por contra, o perfil e as características deste persoal fai que poidan desempeñar outros labores fundamentais para o medio rural, baixo as directrices da Xunta, en temas como a prevención e extinción de lumes, pero tamén no ámbito agroforestal, medioambiental, de sanidade vexetal e animal ou de emerxencias.

A modo de exemplo, citou os traballos de control e erradicación de pragas (nespra velutina, polilla guatemalteca das patacas, picudo das palmeiras, pragas forestais), ou control de biomasa forestal onde a administración local non dispoña de recursos. “Resulta irracional, e fóra de toda lóxica de xestión dos recursos públicos, prescindir do capital humano que a propia Consellería formou nestes anos a traveso de SEAGA e para o que destinou recursos públicos”, concluíu, tras coñecer o veto do PP á mellorar as condicións laborais deste persoal.