Mini considera que o informe negativo á mina de Touro é unha boa nova, triunfo da presión política e social

Manifestación contra a mina de Touro-O Pino
Manifestación contra a mina de Touro-O Pino
“É un gustazo, pero hai que estar alerta”, advirte o deputado nacionalista, “porque non van deixar a presa tan fácil”
Mini considera que o informe negativo á mina de Touro é unha boa nova, triunfo da presión política e social

O BNG considera que o informe ambiental negativo ao proxecto da mina de Touro é unha “boa nova” e un “triunfo da presión política e cidadán, un gustazo pero hai que estar alerta” contra un proxecto espoliador dos recursos naturais do país, en palabras do portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, quen, ao mesmo tempo, convida a seguir vixiantes.

“Detívose un proxecto que supoñía refugallos, contaminación e unha ameaza para o futuro da conca do Ulla, que incluía unha balsa mineira dun millóns de toneladas que ocupaba unha superficie de 126 hectáreas e un muro de 80 metros de altura, toda unha hipoteca ambiental para as xeracións presentes e futuras”, explica Rivas.

Pese ao respiro que supón esta noticia avanzada desde a Xunta, o deputado nacionalista advirte que “é preciso estar alerta, porque non van deixar a presa tan facilmente e porque a nova lei de avaliación ambiental, en fase de consulta previa, ten como finalidade axilizar os trámites, aplanar os atrancos e favorecer os trámites de futuros proxectos”.

“É preciso por tanto, -reitera-, estar vixiantes porque podemos estar ante unha mera estratexia de ganar tempo ante un proceso electoral no que o PP pretende tirar lastre dun proxecto de gran contestación social para tentar unha singradura sen incomodidades”.

O BNG insiste en que estamos ante “unha boa nova, aínda que tardaron demasiado tempo en resolver un proxecto que era escandaloso, mírese por onde se mire”, concluíu Rivas.

Mini considera que o informe negativo á mina de Touro é unha boa nova, triunfo da presión política e social