Rego exixirá a Ribera recuperar as garantías ambientais e a participación cidadá nos proxectos eólicos

Néstor Rego
Néstor Rego

Cara a cara durante a sesión de control ao Goberno do Estado da vindeira cuarta feira sobre o “boom eólico depredador” que ameaza á Galiza

“Queremos reverter esta modificación feita á medida dos intereses das grandes empresas e corrixir este despropósito” defende Rego

 

Madrid, 18 de febreiro de 2023. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, intervirá na próxima sesión de control ao Goberno para reclamar á Vicepresidenta Terceira e Ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a rectificación do executivo e a recuperación das garantías ambientais e a participación cidadá na implantación de proxectos eólicos. A frente nacionalista exixe rematar co “boom eólico depredador” que ameaza á Galiza coa posíbel implantación de máis de 300 parques e megaparques eólicos que afectará o ambiente e o medio de vida de millares de persoas e defende un modelo equilibrado e xusto, minimizando o impacto ambiental e garantindo a reversión no territorio.

“Acha compatíbel co obxectivo de preservación ambiental e de apoio ao sector primario que as empresas poidan decidir onde instalar parques ou macroparques eólicos sen control, sen necesidade de Declaración de Impacto Ambiental e sen participación cidadá, como establece o RDL 20/2022 que o seu Ministerio impulsou?” será a pregunta que o deputado nacionalista formulará á Vicepresidenta Terceira do Goberno do Estado e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera.

Para a frente nacionalista, a eliminación deste tipo de requisitos durante a tramitación de novos parques ou megaparques eólicos supón “barra libre” para as empresas enerxéticas, que se están a lucrar deste “boom eólico depredador” que ameaza á Galiza xa que decidirán “sen control” onde instalar os seus muíños. “Esta barra libre pon en perigo o noso medio ambiente e a actividade económica e, por tanto, o modo e medio de vida de millares de persoas, particularmente aquelas que se dedican ao sector primario” alerta Rego.

En opinión do deputado do BNG, estamos diante da “distopía do capitalismo no Estado español: en nome da transición ecolóxica e dun futuro verde, destrúese o medio ambiente e o modo de vida de millares de persoas, especialmente no sector primario, é dicir,  destrúese o futuro e non o podemos permitir”.

“Galiza é un País produtor excedentario de enerxía eléctrica que xa produce máis a través de fontes renovábeis do que consome internamente, cumprindo os obxectivos marcados pola Unión Europea para 2030. Sabemos que aumentará a demanda de enerxía eléctrica segundo vaia avanzando o proceso de descarbonización, mais é evidente que os 300 parques eólicos proxectados non están dimensionados para o desenvolvemento social e económico do noso País” subliña o deputado do BNG. 

Un modelo eólico “xusto e equilibrado” para a Galiza

A organización soberanista defende, frente ao modelo depredador, que a eólica teña que respnder a “un procedemento de concurso público, sobre un previo plan das administracións públicas, con parques dimensionados ás necesidades do noso País”. Este modelo, engade, debe minimizar o impacto ambiental e garantir que reverta no propio territorio “con aproveitamento, por tanto, social e económico”.

“Un modelo de xeración e produción de enerxía eléctrica distribuída, a menor escala e máis próxima aos centros de consumo. Da mesma maneira, entendemos que hai que colocar a enerxía baixo control público porque, se a enerxía é un ben esencial, debe estar en función do desenvolvemento social e económico das zonas produtoras” defende Rego. Neste sentido, a frente nacionalista defende a creación dunha empresa pública galega de enerxía e a aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG