Galegas 2020

A reapertura do centro de formación marítimo pesqueira A Aixola será prioritario para un goberno liderado polo BNG

Marín
Marín

O cabeza de lista Luis Bará subliñou hoxe en Marín a necesidade de aproveitar as instalacións existentes no Porto para permitir a inserción laboral de mozos e mozas en profesións con boa saída laboral

O nacionalista calcula que a “desidia e descoordinación da Xunta do PP” imposibilitou a formación de 500 persoas e o emprego doutras 300 nos últimos tres anos que estivo pechado o centro

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra para as eleccións galegas, Luís Bará, comprometeuse hoxe a reabrir o centro de formación profesional marítimo pesqueira A Aixola do Porto de Marín-Pontevedra con toda a súa oferta formativa para pemitir a inserción laboral de mozas e mozos en profesións con importante demanda. “Queremos poñer en marcha un goberno novo liderado polo BNG para activar este país, para darlle saída á xente nova e que non teña que emigrar”, afirmou.

Bará explicou que a intención do BNG -unha vez teña responsabilidades de goberno na Xunta de Galiza- é poñer a andar toda a maquinaria para reabrir de inmediato o centro e que este volva converterse nun referente dentro do sector do mar. Anunciou que se retomarán as sete ofertas formativas impartidas no seu momento (composites, madeira, redes, plásticos, neumáticos, instalacións, velería) e asegurou que “non queremos unha ‘Aixoliña’ con áreas recurtadas como nalgún momento plantexou o PP”.

Acompañado da portavoz no Concello de Marín, así como doutros militantes e simpatizantes da vila, Bará sinalou que o peche de A Aixola en 2017 e a inexistencia de movementos para a súa reapertura pon de manifesto “a parálise, desidia e incompetencia do goberno da Xunta do Partido Popular”. Indicou que A Aixola é un exemplo claro da descoordinación do actual goberno do PP porque nin a Consellería do Mar, da que depende o centro, nin tampouco a Consellería de Industria e Emprego foron capaces de poñerse de acordo para utilizar fondos europeos e manter a actividade.

“Esta desidia ten importantes consecuencia negativas. Supón un dispendio de recursos públicos, instalacións e maquinaria de investimentos que se perderon ou que están desaproveitados e, sobre todo, o que impide tamén é a posibilidade de formación para o emprego e a inserción laboral de mozos e mozas en profesións e actividades con expectativas de saída laboral”, afirmou.

Calculou, de feito, que pode haber medio milleiro de mozos e mozas da comarca que non tiveron oportunidade de formarse e uns 300 que poderían estar traballando se o centro estivese aberto nos últimos tres anos. “Cónstanos que hai demanda sobre todo no sector naval e no sector eólico de persoas que saen de aquí moi ben formadas e con boa cualificación técnica e profesional”, subliñou.

“É importante aproveitar o potencial deste centro en relación coa construción e reparación de barcos que se facía en colaboración con distintas institucións e tamén o importante labor de conservación e protección do noso patrimonio marítimo, coas actividades de carpintería de ribeira”, dixo. Sinalou que outro aspecto fundamental do centro era que era punteiro en materia de I+D+i, participando en proxectos europeos, sobre todo en relación con prototipos para loitar contra a conta a contaminación mariña e para novos usos de materiais sintéticos nestas actividades.

O cabeza de lista salientou, coa vista posta no 5A, que a cidadanía debe ver o traballo e as propostas por Galiza do BNG, cun programa de goberno serio e listo para aplicar que permitirá tirar rendemento das potencialidades do país en lugar de continuar co ‘seguidismo’ do PP, “que dende a súa decadencia está levando a Galiza á invisibilidade política”. “A xente pode confiar no BNG para desenvolver o futuro do país. Temos un proxecto de goberno gañador e de futuro, feito por nós os galegos e galegas que coñecemos as nosas problemáticas, e que será aplicado con Ana Pontón como presidenta, a mellor presidenta que o noso país pode ter, para abrir un tempo novo”, subliñou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG