PSOE e PP vetan a proposta do BNG para mellorar as condicións operativas das cooperativas con sección de crédito

Néstor Rego
Néstor Rego
A iniciativa procuraba eliminar a equiparación das cooperativas con sección de crédito coas entidades bancarias e facilitar o labor destas entidades que manteñen “proxectos sólidos e con futuro” e que ofrecen modelos crediticios alternativos

A toma en consideración da Proposición de Lei, defendida polo BNG, para a modificación da Lei Reguladora dos Contratos de Crédito Inmobiliario foi rexeitada polos votos en contra de PSOE, PP e C´s. O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, encargado de defender a modificación da Lei, procuraba eliminar a equiparación das cooperativas con sección de crédito coas entidades bancarias para favorecer un modelo crediticio alternativo á marxe da grande banca. Así mesmo, lamenta os “argumentos demagóxicos” empregados por PP e PSOE durante o debate na cámara baixa.

A modificación da Lei, proposta pola frente nacionalista, defendía excluír as cooperativas con sección de crédito das exixencias que a lei aprobada no ano 2019 estabelece para as entidades bancarias e financeiras por entender que, ademais teren un obxecto social diferente, en que a actividade crediticia é complementaria e exclusiva para as persoas asociadas, as cooperativas con sección de crédito “nunca poden prestar no mercado -fóra dos socios e socias- servizos de natureza financeira e, menos, créditos con garantía hipotecaria” e mesmo non interveñen no mercado cunha finalidade empresarial ou investidora. “Realiza unha actividade de autocrédito xa que a cooperativa actúa ao mesmo tempo de prestataria e de prestamista” destaca Rego durante a súa intervención.

O deputado do BNG lamentou a decisión de PSOE e PP de non apoiar a modificación da lei e recriminou que “tivesen empregado argumentos demagóxicos” ante unha iniciativa que procuraba atender as necesidades de entidades de carácter social que desenvolven un labor fundamental e vital para moitas persoas, dentro da chamada ‘economía social’. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG