Propoñemos destinar 40M de euros para subir as pensións non contributivas en 100 € ao mes a 40.000 galeg@s

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado destaca que a medida axudaría a persoas cunha prestación por debaixo do umbral da pobreza, a maior parte mulleres, “pero o PP non ten a decencia de apoiala”

O BNG levou ao Parlamento unha proposta para subir o complemento autonómico ás pensións non contributivas en 100 euros mensuais, o que beneficia a 40.000 persoas, a maior parte mulleres, con prestacións que non chegan aos 370 € ao mes e, por tanto, están por debaixo do umbral da pobreza. Unha proposta perfectamente factible, que só precisaría unha modificación orzamentaria de 40 M€ dun orzamento que supera os 9.000.

“Non é un problema de recursos, senón de distribución, pero o PP non ten a decencia de apoiar esta iniciativa para que os que case non teñen nada, teñan un pouco máis”, criticou a portavoz de asuntos sociais, Montse Prado, na defensa da proposición non de lei.

A maior parte das persoas que perciben unha prestación non contributiva son mulleres que, pese a ter detrás unha vida de traballo, son excluídas polo propio sistema para poder acceder a unha pensión digna tras soportar precariedade laboral ou realizar traballos imprescindibles pero que non cotizan.

“Dous terzos das persoas que perciben pensións non contributivas son mulleres, agudízanse así as desigualdades de xénero porque son as que soportan máis contratos a media xornada, descontinuos ou por horas, as que teñen un traxectoria laboral intermitente para coidar familiares e porque o traballo doméstico e familiar non computa. En definitiva, unha explotación laboral que se paga con pensión de miseria”, salientou Prado, que citou casos de mulleres de concretas.

Tamén as persoas cunha invalidez superior ao 65% reciben este tipo de pensión non contributiva con contías que, no mellor dos casos, son de 5.653 € anuais.

A deputada tamén advertiu de que, nos últimos tempos, hai unha denegación importante para poder percibir a prestación, en concreto, deixáronse de pagar en Galiza 1.606 pensións de xubilación. “Estase a facer un control implacábel sobre o nivel de ingresos permitidos cando estes están por debaixo do limiar de pobreza”, criticou a deputada, ademais de alongarse os prazos de tramitación dos prazos e das reclamacións.

“Tiñan a oportunidade de mellorar a vida de 40.000 galegos e galegas, pero co seu veto demostran, unha vez máis, que o seu discurso sobre as pensións é pura demagoxia”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG