Programa marco ás municipais: servizos públicos, transparencia, insubmisión ante o dogma do déficit

VENCE ROLDAPRENSA VALORACION ASAMBLEAS2O BNG-Asembleas Abertas concorrerá as eleccións municipais cun programa marco baseado na defensa dos servizos públicos, con medidas que promoven un modelo de xestión transparente e anticorrupción, e co criterio de manter unha actitude insubmisa ante o “dogma” do déficit que impón o PP a costa de poder adoptar medidas de protección social.

Aprobado no Consello Nacional, o portavoz nacional, Xavier Vence, sintetizaba en cinco “as liñas mestras” da proposta electoral nacionalista para os comicios de maio.

En primeiro lugar, defensa dos servizos públicos, “sen privatizacións que encarecen o servizo e son foco de prácticas corruptas”, política social centrada nas persoas máis castigadas pola crise. Terceiro, desenvolvemento do tecido económico local, con especial fincapé no comercio de proximidade. Cuarto, tolerancia cero coa corrupción, con concellos transparentes e participativos xestionados con honestidade para a maioría social. E, por último, insubmisión coas directrices económicas impostas polo Goberno central para apoiar aos sectores máis desfavorecidos.

“O BNG xa predica co exemplo e pon en práctica estas medidas alí onde goberna, e queremos trasladar ao resto do país o que facemos en Pontevedra, Carballo, Tomiño, Allariz, Ribadeo, Bueu, San Sadurniño...modelos de xestión honrada e eficaz, pensados por e para mellorar a calidade de vida da veciñanza”, subliñou.

Vence foi particularmente contundente en dous aspectos do programa: a xestión dos servizos de proximidade por parte dos concellos fronte ao “niño de corrupción” das deputacións e a insubmisión ante o corsé do déficit que impón Madrid.

“Imos as eleccións co convencemento de que temos que reforzar os servizos de proximidade que prestan os concellos fronte a tentativa do PP de centralizar todo nas deputacións, que non facilitan a xestión, abren a porta a privatización con empresas amigas e son niño de cultivo da corrupción, como se demostra en Pontevedra e Ourense”, argumentou.

Non outro punto, o dirixente nacionalista alega que “moitos dos concellos xestionados polo BNG teñen superávit pero o Goberno central impide usar eses recursos para mellorar os servizos públicos ou investir en desenvolvemento local, en base ao dogma de recortes, recortes, recortes”, argumentou Vence, quen salientou que “é necesario romper” esa imposición como xa ten feito o Bloque no caso do “medicamentazo” aos doentes crónicos no que denominou “espírito de Riotorto”.

Mesas de contratación

O programa marco do BNG fai “bandeira” da loita contra a corrupción. Entre as medidas concretas, facilitar a participación da cidadanía, estender os orzamentos participativos e mesas de contratación con representación de todas as forzas políticas da corporación para poñer fin aos contratos baixo a fórmula de negociado sen publicidade, “como pasa agora nos concellos gobernados polo PP”.

A igualdade de xénero, como vía imprescindible para construír sociedades máis xustas e iguais, e incorporar a xente nova a vida municipal son aspectos que tamén figuran nun programa marco que se incorporarán aos programas específicos para cada concello, que agora se elaborarán a través de grupos de traballo xurdidos das asembleas abertas.

Enquisas electorais

Preguntado pola enquisa electoral elaborada por Sondaxe, Vence salientou que reflicte unha “opinión do momento” nun ambiente político “convulso”, e confirma que o BNG “aumenta o seu respaldo social onde goberna” como confirman as maiorías absolutas que se prognostican en Pontevedra e Carballo.

“A única alternativa galega na cita municipal é o BNG e son as candidaturas BNG-Asembleas Abertas as que representan a rebeldía desa cidadanía contraria ás políticas do PP e do PSOE”, argumentou Vence, quen confía en o 40% que recolle a abstención “cristalice en apoio” á alternativa nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG