OLALLA RODIL

O problema do ensino non son as probas de acceso á universidade, é que o goberno non escoita a ninguén

Olalla Rodil
Olalla Rodil

A deputada do BNG avogou pola eliminación da ABAU (antiga Selectividade) e apostou pola capacitación do alumnado coa avaliación dos dous  anos do bacharelato

O problema do ensino non son as probas de acceso á universidade, é que o goberno non escoita a ninguén

Tras a polémica suscitada recentemente nas probas de acceso á universidade, a  deputada do BNG, Olalla Rodil aproveitou a comparecencia da Conselleira de Educación, Carme Pomar para afirmar que unha vez máis, o Partido popular mantivo o seu “discurso centralista” en vez de defender as súas competencias nesta materia.  

O problema, afirmou a nacionalista,  “non son as probas de acceso á universidade”, que en todo caso deberían desaparecer,  porque a capacitación do alumnado para acceder ao ensino superior demóstrano durante dous anos de Bacharelato cunha avaliación continua e un esforzo inxente,  “non  en dous días de ABAU”.

“É mentira” que unha proba única garanta maior equidade no acceso á universidade porque a ABAU representa o 40% da nota de corte e o 60% restante depende da media do Bacharelato. O problema do ensino neste país e que temos un goberno que vive “nun monólogo permanente”. Estamos en mans dun Partido popular, que en vez de defender as competencia pasa o día pedindo a berros que llas quiten porque “non as queren”.

Galiza ten competencias recoñecidas sobre o 45% do currículo académico e como  nación con lingua propia esa capacidade de decisión vai máis alá do exame de Lingua e literatura galega e ese 45% permite adaptar os contidos á realidade económica, social, cultural e lingüística do noso país.

“Propoñémoslle desenvolver as competencias que ten recoñecidas Galiza cunha Lei galega de Educación. Abandonen o centralismo uniformador que nos anula e empobrece como pobo, exerzan como goberno autónomo”, recalcou.

A deputada asegurou que as  diferenzas no rendemento académico do alumnado  responden nun 85% a factores socioeconómicos e non a que Galiza teña un idioma propio. Neste sentido, denunciou o recorte acumulado de “2 mil millóns de euros dende o ano 2010, a perda de docentes, ratios excesivas por aula e unha crise demográfica que provocou a perda de 22.000 estudantes desde o ano 2000”.

Rodil tamén se referiu á necesidade de recuperar a xestión directa dos comedores escolares para garantir alimentos e un servizo público de calidade.

Ademais aludiu á situación da lingua galega no ensino e lembrou que o BNG defendeu unha proposta de lei no anterior pleno para “blindar o carácter oficial e vehicular do galego no ensino”. Actualizar unha lei aprobada hai 30 anos nun contexto sociolingüístico completamente diferente ao actual e cumprir coa obriga de impulsar a normalización lingüística en todos os ámbitos.

Sobre o financiamento universitario desatacou os cadros de docentes avellentados e unha “precariedade insostible” e como exemplo lembrou que  a convocatoria deste ano vai deixar no limbo, durante 5 meses, ás investigadoras/es e penalizando aquelas que se acolleron a unha baixa por maternidade.

A parlamentaria pediu ao PP un cambio de rumbo na política educativa despois de que todas as organización sindicais deixaran plantada á Xunta  no Consello Escolar de Galiza.