A presión do BNG e do sector logran que a Comisión Europea retire a prohibición das redes de xeito

Traballadores do xeito convidados polo BNG ao Parlamento europeo

As iniciativas e a presión exercida pola Responsábel do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, e o sector do xeito, conseguiron que a Comisión Europea cedese por fin e decidise retirar a proposta lexislativa de prohibición total das redes de deriva, que incluía ao xeito, ao racú e outras redes de enmalle de río.

Satisfación por tanto por un labor moi positivo que tivo os seus froitos e logrou conquerir o obxectivo de que os mariñeiros de 427 embarcacións de xeito poidan continuar pescando como sempre, cunha arte tradicional e sostíbel. Lembra Ana Miranda a “posición reacia e inamovíbel que tiña a Comisión Europea”.

Hai xustamente un ano que a Responsábel do BNG no Parlamento Europeo, levaba a unha representación do sector de xeito a Bruxelas para manter unha entrevista con representantes da Comisión Europea a fin de explicarlles este tipo de artes empregadas para pescar especies como a sardiña, artes sostíbeis e tradicionais.

A Comisión Europea retrocede grazas á presión do BNG e do xeito

Ana Miranda congratúlase da decisión da Comisión Europea, que considera “unha moi boa noticia para os mariñeiros que compoñen as 427 embarcacións que viven desta actividade pesqueira, e unha noticia excelente para as poboacións costeiras galegas como Rianxo e Ribeira que dependen deste xeito de pescar”. É evidente, puntaliza, que a Comisión Europea retira a prohibición porque tería un impacto socio-económico moi grande na pesca artesanal galega. Ademáis, especifica, Galiza ten competencias propias para adoptar decisión sobre artes que se utilizan para pescar nas nosas rías.

Miranda pón de manifesto que “desde o minuto cero opuxémonos á pretensión da Comisión Europea de prohibir o xeito, e outras artes tradicionais, porque sabíamos que teñen escaso impacto sobre os bancos de sardiña. É un xeito de pescar sostíbel e ancestral”.

Ana Miranda salienta que “o feito de que hai un ano, levásemos a representantes do xeito a Bruxelas, deulles a oportunidade de explicar de primeira mán ás autoridades comunitarias que é o xeito ou o racú. Unhas artes propias de pequenas embarcacións con pouca capacidade de pesca, pescan perto das rías e as súas descargas non acostuman a superar as 4 caixas de sardiñas e xoubas por barco. Quedou claro que non se trata dunha pesca expansiva, senón tradicional.

A Responsábel do BNG no Parlamento Europeo sinala que a decisión da Comisión Europea prodúcese no momento no que se estaba unicamente pendente da votación da proposta. “Agora o sector do xeito pode respirar tranquilo porque despois de moito traballo conxunto, do BNG e do sector, fomos quen de facer retroceder a imposición dunha prohibición a todas luces inxusta por descoñecemento. O que non fixo o Goberno central nin a Xunta, tivo que facelo o BNG en coordenación cos mariñeiros de xeito: ir a Bruxelas a protestar e a explicar en que consiste o xeito e outras artes”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG