O PP vota en contra de revitalizar a Cidade Vella de Santiago de Compostela

Iria Carreira
Iria Carreira
Iría Carreira reclamou  incrementar a partida ao Consorcio de Santiago de Compostela para desenvolver accións de recuperación e  preservación do seu  patrimonio cultural, fomentar o emprego e a poboación residente

A deputada do BNG, Iría Carreira defendeu unha Proposición non de lei instando á Xunta a  incrementar a súa contribución económica ao Consorcio da Cidade de Santiago, comezando por recuperar a dotación asignada en 2010 e duplicándoa nos anos vindeiros, tendo en conta os recentes compromisos anunciados polos gobernos galego e español na reunión do Real Padroado de 25 de xullo de 2021. A iniciativa do BNG, foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Na defensa da proposta, Carreira lembrou que Santiago de Compostela foi declarada Patrimonio da Humanidade en 1985 e no ano 1991 naceu o Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela, co obxectivo principal de coordinar e promover as accións do goberno central, a Xunta de Galiza e o concello de Santiago, orientadas á preservación e revitalización da cidade compostelá e do seu patrimonio cultural, accións que desenvolve a través do Consorcio de Santiago.

Nos investimentos previstos do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela destínanse liñas de actuación para a Cidade histórica, tanto para rehabilitación e conservación do tecido residencial, como para a revitalización do tecido comercial, actuacións sobre elementos patrimoniais e monumentos, conservación de bens mobles, mantemento de pavimentos históricos e lousados, a integración perimetral da améndoa da Cidade histórica, acondicionamento de parques e xardíns, actuacións nos Camiños de Santiago, infraestruturas e loxística urbana.

A  nacionalista subliñou que “a cidade histórica ten que ser habitable no século XXI e non unha volta ao pasado con vivendas e infraestruturas anticuadas propias doutra época”, de aí a necesidade de destinar recursos económicos  para  unha política de compra de locais dirixidos a crear un viveiro de empresas e autónomos/as, que comece pola rehabilitación dos locais pechados, cun plan de asesoramento a persoas que inicien  o seu primeiro emprego coa tramitación  de licenzas,  diversificar o modelo de comercio tomando como criterios o fomento do empresariado feminino e  xuvenil, empresas de economía social e novos nichos de mercado. A xuízo da deputada do BNG,  estas  medidas contribuirían   “a recuperar  locais baleiros e  fomentar o  emprego, ademais de recuperar poboación residente e servizos.

Por outra parte, o Consorcio pode ser o instrumento para a negociación da compra de inmóbeis con uso cultural que gozan de protección patrimonial, coma a Sala Iago e  o impulso da rehabilitación como nos casos  do Pazo de Ramirás (antigo Colexio dos Irlandeses), o edificio de Almacéns Olmedo na praza do Toural e o Pazo de Fondevila nas Casas Reais.

Redución de partidas orzamentarias

Nos últimos anos, explicou, o Consorcio da Cidade de Santiago experimentou unha redución dos recursos asignados polos gobernos da Xunta e do Estado. En concreto, en 2010 sufriu un recorte até os 4,5 millóns de euros, que o goberno do Partido Popular mantén conxelado. Con anterioridade, o  Consorcio contaba con 6,5 millóns anuais por parte de la Xunta e 12 M€ do  Goberno do Estado.

O Consorcio confiaba  recibir dos fondos europeos 80 M€ dos  281,5 millóns  previstos para Santiago até 2032, pero  esa achega extraordinaria “tan ben publicitada” non se concreta nos Orzamentos da Xunta nin nos do Estado para 2022.

Mentres  a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado “miran cara a outro lado”, afirmou Carreira, Compostela continua agardando por unha estratexia  que converta o casco antigo nunha entidade viva e activa, “con corpo propio e non como  acumulo de edificios baleiros e ruinosos”.

Desde o BNG, remarcou,  reclamamos  incrementar a achega orzamentaria que a Xunta realiza ao Consorcio de Santiago, comezando por recuperar, de inmediato, os 6,5 millóns do ano 2010 e incrementándoos nos anos posteriores, para poder acadar esa revitalización que Compostela tanto precisa.

A deputada lamentou que o Partido popular votara en contra dunha iniciativa para converter o casco antigo de Compostela nunha entidade activa recuperando edificios baleiros e afectados de grave deterioro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG