O PP vota outra vez en contra de descolapsar a Atención Primaria

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado reclama á Xunta que escoite “o clamor” no que se está convertendo Galiza e rectifique dunha vez por todas a súa política sanitaria

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, defendeu no Parlamento galego unha moción cunha batería de medidas concretas para dar resposta á situación de colapso que padece a Atención Primaria e reclamou á Xunta que rectifique a súa política sanitaria, que escoite “o clamor no que se está convertendo Galiza” para poñer en marcha “dunha vez por todas un novo modelo de Atención Primaria que garanta a asistencia sanitaria á cidadanía”.

Prado exixiu ao Executivo galego que “asuma a súa responsabilidade e exerza como goberno que é”, cuxa responsabilidade é solucionar problemas “e non crealos”. Neste sentido, afirmou que a situación na que se atopa a sanidade pública galega, e especialmente a Atención Primaria, “ao bordo do precipicio”, é consecuencia das políticas do PP, que “leva 13 anos sen escoitar nin aos galegos e galegas, nin ás e aos profesionais, nin as propostas” que se fixeron e se fan dende distintos ámbitos, como as que leva poñendo enriba da mesa o BNG dende hai anos.

“O resultado das políticas sanitarias do PP non son estatísticas, afecta ás persoas, con nomes e apelidos, ás persoas con doenzas crónicas, ás que se lles diagnostica tarde, ás que non poden pedir cita co seu médico ou médica de cabeceira porque as axendas están pechadas, ás que diante dunha emerxencia vital non lles chega unha ambulancia a tempo, ás que teñen un problema de saúde mental e non chegan a un ou unha especialista, ou ás que chegan a un PAC e se atopan con que non hai médico”, enumerou.

Logo de advertir que as e os profesionais “levan anos poñendo a cara diante da poboación por unhas políticas das que non son responsables”, a deputada nacionalista considerou urxente incrementar o orzamento e reforzar os cadros de persoal “para que poidan ter tempo para atender ás e aos doentes”. Así pois, entre as medidas que propuxo, defendeu un incremento de como mínimo un 2,2% (o que representa cando menos 200 millóns de euros) para a Atención Primaria nos orzamentos da Xunta para 2023, co obxectivo de chegar á media do Estado e ata aproximarse ao 25% na actual lexislatura, así como un aumento dos cadros de persoal (e rematar coa súa precariedade laboral) para garantir a calidade asistencial necesaria “e que traballar e conciliar non sexa misión imposible”.

Un plan de retorno, captación e fidelización de profesionais -con ofertas atractivas e competitivas tanto no ámbito económico como no relativo ás condicións laborais-, a incorporación de novas categorías profesionais -como a de psicoloxía clínica, que podería desconxestionar a atención ás doenzas de saúde mental-, o redimensionamento do servizo de ambulancias, a dotación de ambulancias de SVA en comarcas deficitarias ou o reforzo do servizo de emerxencias extrahospitalarias con máis ambulancias nas zonas deficitarias, son outras das medidas propostas polo Bloque.

Así mesmo, Prado apostou por que a Xunta inicie todas as actuacións precisas para solicitar do Goberno español a transferencia de todas as competencias relacionadas cos programas de formación (MIR, EIR e PIR, entre eles) e, no inmediato, por garantir a capacidade e calidade docente para atender a formación das e dos profesionais das distintas especialidades comprometendo nos orzamentos de 2023 as partidas suficientes para formación, elaborando un censo dos centros de saúde acreditados ou con condicións para selo, realizando a cobertura de todas as vacantes con persoal que vaia estar os catro anos de formación nos centros docentes e aprobando o Estatuto de Titoría de Formación para incentivar a figura da titoría, con estímulos profesionais, tempo para a actividade no horario laboral e oferta de formación. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG