PP vota en contra do plan anti-crise de 1.000 millóns que propón o BNG

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas recrimina á Xunta a súa política de “brazos caídos” e do “canto peor, mellor” ao servizo dos intereses electorais de Feixóo en Madrid

Cualifica de “palabrería barata” o anuncio dun mellor tratamento fiscal para as familias con 2 fillxs cando as monoparentais seguen esperando polas desgravacións prometidas polo PP tanto en 2011 como en 2020

O BNG defendeu no Parlamento galego a súa proposta para incluír nos orzamentos galegos de 2023 un plan de resposta á crise que comprometa a mobilización de 1.000 millóns de euros para desenvolver medidas de apoio ás persoas, ás empresas e aos sectores produtivos, unha proposta que o PP vetou, pese a que a portavoz nacionalista de Facenda e Orzamentos, Noa Presas, advertiu que “a situación empeora e este é o momento de facer algo diferente” fronte á política de “brazos caídos” na que está instalada o Goberno galego logo dun ano xa coa inflación “desbocada”.

Entre outras medidas, a proposta nacionalista recolle un plan de rescate das persoas vulnerábeis e máis desfavorecidas; o incremento de 100 euros do complemento autonómico ás pensións non contributivas e o aumento da contía da RISGA facéndoa ademais compatible co Ingreso Mínimo Vital; recuperar a Tarxeta Básica; triplicar as contías previstas para a atención do acceso á enerxía, tanto do suplemento do bono social térmico como do bono social eléctrico, e establecer novos mecanismos para ampliar o número de persoas beneficiarias; así como un programa de soporte para os sectores estratéxicos (con medidas de apoio e axudas directas para PEMES, persoas autónomas e cooperativas), un programa de apoio á economía local (con especial atención ao comercio de proximidade e á hostalería).

De igual xeito, inclúe o reforzo dos servizos públicos básicos (coa recuperación do programa de gratuidade dos libros de texto e a contratación de 1.000 docentes no ámbito educativo e cun plan de choque para a Atención Primaria, no sanitario); un plan de fomento do transporte público e da mobilidade (con medidas como a gratuidade das autovías dependentes da Xunta, unha tarifa plana para as persoas usuarias habituais ou a gratuidade do bus para estudantes, persoas paradas e persoas con ingresos inferiores aos 20.000 euros); e a articulación dun fondo extraordinario de investimentos en enerxía, mobilidade, vivenda e auga, con medidas de apoio ao acceso á vivenda, programas de autoconsumo enerxético e para comunidades enerxéticas locais ou o desenvolvemento de infraestruturas hidráulicas urxentes.

Unha proposta de actuación que Presas confrontou cun Goberno do PP que, un ano despois, “segue instalado nunha actitude de tapar os ollos e tapar as orellas a ver se a crise non vai con el, algo que non serve para que os galegos e as galegas tapen a realidade do seu sufrimento diario”. Logo de advertir que a inflación sigue aumentando máis en Galiza que no conxunto do Estado (argumento que volve confirmar o último dato de IPC publicado hoxe, cunha variación interanual do 11% en agosto, fronte ao 10,5% de media estatal), afirmou que “xa era hora de que o señor Rueda anuncie agora que vai comparecer neste Parlamento para falar da crise de prezos, despois de levar catro meses agochado na presidencia da Xunta”, ao que engadiu que “está ben que veña a comparecer, mais tamén o estaría que o Goberno galego, en vez de parecer unha comisión de festas entre romarías e inauguracións do Xacobeo, tivera feito algo diferente nos últimos meses”.

A deputada nacionalista recriminou ao Executivo de Rueda a súa inacción e a súa política de “canto peor, mellor” para ver se o PP obtén algún tipo de rendemento electoral en Madrid e  cualificou de “insultante” que o PP anuncie un tratamento fiscal beneficioso para as familias con dous fillos ou fillas “cando as familias monoparentais seguen agardando, non xa a que fagan o que vostedes puxeron na Lei de 2011, senón a que cumpran a promesa de investidura do señor Feixóo no 2020 de facer que estas familias teñan desgravacións no IRPF”. “Palabrería barata é o que escoitamos en materia fiscal”, sentenciou.

Nesta liña, e logo de recordar que na actualidade hai case 70.000 persoas en Galiza que viven dunha prestación económica social, considerou “de delito” que “veñan a estas alturas, cando levamos máis dun ano coa inflación desbocada, a dicir que se cadra, en xaneiro, se aumentarán as axudas sociais”. “Queda un trimestre por diante, non poden agardar a xaneiro de 2023 para actuar tarde, mal e arrastras” urxiu.

O PP tamén veta a restitución da Tarxeta Básica

Precisamente momentos antes a portavoz nacionalista de Dereitos Sociais, Olalla Rodil, defendía outra moción parlamentaria para recuperar a Tarxeta Básica eliminada pola Xunta en xuño e que tamén foi rexeitada polo PP.

“Pódese falar de normalidade, señorías, cando en Galiza hai case 70.000 persoas que teñen como único ingreso unha prestación económica de carácter social, 4.000 persoas máis en só tres meses?”, cuestionou con severidade a decisión do Goberno galego, ao que emprazou a restituír de maneira inmediata a Tarxeta Básica, dotándoa de carácter permanente como medida de urxencia e tamén ponte mentres non se tramitan as solicitudes da RISGA ou do Ingreso Mínimo Vital.

De igual xeito e en consonancia co plan de resposta á crise de prezos proposto polo BNG, Rodil defendeu a actualización da contía da RISGA e do complemento autonómico das pensións non contributivas para garantir que quen percibe estas prestacións poida facer fronte “á suba de prezos tan brutal que estamos vivindo”. Por último, propuxo que no prazo máximo dun mes a Xunta remita ao Parlamento o proxecto de Lei de Inclusión Social, xa que, segundo recalcou, “levamos dous anos agardando pola reforma da lexislación actual, dous anos nos que a situación das persoas máis vulnerables e sen recursos en Galiza non fixo senón empeorar pola incapacidade do PP na Xunta”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG