parlamento galego

O PP vota en contra do plan de alugueiro que propón o BNG

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

A portavoz de Vivenda, Alexandra Fernández, advirte de que 10.000 fogares galegos xa destinan máis do 50% da súa renda ao pago do alugueiro

“Canto máis teñen que subir os prezos para que o PP actúe?”, cuestiona   

“Canto máis teñen que subir os prezos do alugueiro para que digamos basta? Canto máis teñen que seguir subindo para que este goberno asuma isto como un problema de extrema urxencia? Cal é o tope do PP para intervir?”. Con esta rotundidade defendeu a portavoz de Vivenda, Alexandra Fernández, unha moción en pleno parlamentario para incorporar a redución dos prezos do alugueiro libre como obxectivo estratéxico dentro do novo Plan de Vivenda 2021-2025.

Na iniciativa do BNG inclúese a elaboración dun Plan galego para un alugueiro accesible garantido que permita tanto rebaixar os prezos do alugueiro no mercado libre, como incrementar substancialmente a porcentaxe de vivenda pública en réxime de alugueiro respecto ao total do parque construído, así como aumentar as liñas de axudas directas a persoas inquilinas, fundamentalmente as destinadas aos colectivos máis vulnerables ou actualmente máis desprotexidos.

De igual xeito, o Bloque propón a elaboración por parte do Observatorio da Vivenda dun informe anual de estudo e diagnóstico, pormenorizado e territorializado, das variacións dos prezos da vivenda libre en alugueiro e o seu impacto na accesibilidade.

Na súa intervención, Fernández advertiu que na actualidade hai 30.000 fogares que destinan máis dun 30% das súas rendas ao pago do alugueiro e 10.000 que dedican a este mesmo fin máis dun 50% da renda. “Se cabe, a situación é máis dramática naquelas familias nas que hai nenos ou naqueles fogares onde, directamente non son capaces de pagar”, salientou, para engadir a continuación que en 2019 xa eran 1.800 fogares os que acabaron sufrindo un despexo por impago do alugueiro.

Neste sentido lembrou que a Xunta ten as competencias en materia de vivenda e instouna a actuar porque “un goberno decente non pode permitir que continúe esta escalada de prezos”. “A estas alturas deberiamos ter xa claro que tomar medidas hoxe, mudar o modelo, é tamén evitar as crises do mañá”, subliñou para pedir o apoio para unha iniciativa que pretende “fixar como obxectivo común pórlle límite a esta burbulla”.

A portavoz de Vivenda afeou o modelo do PP e recordou que o 99% das vivendas en alugueiro de Galiza son vivendas privadas, “un monopolio que permite ao sector privado seguir subindo os prezos ata espremernos as rendas porque non hai alternativa”, recalcou logo de recordar que o parque de vivendas públicas non chega actualmente ás 4.000 vivendas. Pese a apuntar medidas máis ambiciosas como a mobilización de vivenda baleira, o incremento das axudas ao alugueiro ou o control de prezos en zonas concretas como as que sofren maior presión turística, presentou as recollidas na moción como unha proposta “de mínimos” para frear a escalada de prezos.

Fernández recriminou o veto do PP á iniciativa e recalcou que “vostedes non son conscientes da tensión e da dor que está creando na sociedade o aumento dos prezos do alugueiro”. “Dicir que están fartos de que traiamos este tema aquí é de vergonza”, sentenciou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG