parlamento galego

O PP vota en contra declarar BIC as bandas de música e o seu legado

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas reprocha ao PP que anuncie a inclusión do Proxecto Da Capo no PERTE de Cultura e logo se negue a comprometerlle recursos

BNG defendeu na comisión parlamentaria de Cultura unha proposición non de lei para instar á Xunta a reforzar o seu compromiso coas bandas de música popular galegas por unha banda, incoando o expediente de declaración BIC (Ben de Interese Cultural) para o patrimonio inmaterial que acubilla o legado do seu traballo e, por outra, reforzando o compromiso coa súa potenciación social, fomentando a creación e interpretación musical; achegando recursos para o estudo, inventario, catalogación e dixitalización dos repertorios; e ampliando os circuítos de difusión e proxección exterior.

A proposta nacionalista, defendida pola portavoz parlamentaria de Cultura, Mercedes Queixas, e que non prosperou polo veto do PP, tamén incluía o compromiso orzamentario do Executivo galego ao longo do próximo cuadrienio para dar resposta ao Proxecto Da Capo: A música como motor de desenvolvemento social, económico e innovador de Galiza, presentado pola Federación Galega de Bandas de Música.

Queixas lamentou a imposibilidade de poder chegar a un acordo co PP dado que na súa emenda á iniciativa nacionalista nin incorporaba a declaración BIC nin asumía compromiso algún co Proxecto Da Capo pese a que, tan só uns minutos antes, o propio director xeral de Cultura anunciase na súa comparecencia a inclusión deste proxecto no PERTE de Cultura. “Esta emenda é, polo tanto, o mesmo que nada e vostedes están confirmando que non se comprometen para nada cunha demanda que non é do BNG, senón do sector no seu conxunto”, reprobou.

Logo de emprazar ás e aos deputados do PP a explicar o sentido do seu voto nas súas diferentes localidades de orixe cuxas bandas, como as de todo o País, protagonizan “un fenómeno cultural profusamente activo e participado pola xeración máis moza”, a deputada nacionalista pediu desculpas ao sector, ás e aos máis de 7.000 músicos e músicas que forman parte das bandas populares e ao conxunto da sociedade galega, con miles de familias que participan delas, “por este veto do PP a que haxa un recoñecemento como patrimonio inmaterial colectivo de todos os galegos e galegas”.

Queixas evidenciou así “a falta de corresponsabilidade e de correspondencia do PP” co conxunto do sector, nun novo xesto que confirma o seu desleixo ás bandas de música popular, logo que o orzamento destinado ás mesmas neste exercicio 2022 se reducira a 120.000 euros, fronte aos 400.000 euros xa insuficientes que había en 2021. “Por poñerlles un exemplo claro, 120.000 euros era o que a Consellería de Cultura do BNG destinaba só ao Certame de Bandas que se puxo en marcha naquel momento”, subliñou, para concluír que as bandas populares “xa saben que non contan co PP para recoñecer e valorar o seu traballo, pero tamén saben que contan co BNG; fixémolo no seu momento e volverémolo facer cando volvamos gobernar”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG