O PP vota en contra da proposta do BNG para recuperar a praza de docente en Portomarín

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil subliñou “que o PP votou en contra no Parlamento Galego mentres no concello de Portomarín e na Deputación votaron a favor” 

“Feijoo afirma que esta é a lexislatura do rural pero actúa en sentido contrario, recortando servizos no concellos do interior” dixo Rodil 

O BNG levou ao Parlamento Galego unha iniciativa para  solicitar a recuperación da praza de docente no Ceip Virxe da Luz de Portomarín que foi suprimida pola Consellería de Educación. Olalla Rodil subliñou “que o PP votou en contra no Parlamento Galego mentres no concello de Portomarín e na Deputación votaron a favor” referíndose ao ocorrido na Comisión de Educación do Parlamento Galego onde o PP se posicionou en contra da proposta do BNG.

A vice-voceira do BNG asegurou que “as veciñas e veciños non entenden os motivos que levaron ao Goberno galego a tomar esta determinación cando este ano hai incluso un neno máis nas aulas, ao pasar de 32 a 33 os escolares que se matricularon”. Esta medida repercute de forma negativa na educación que reciben as nenas e nenos no CEIP de Portomarín pois, con esta medida imposta pola Xunta, escolares de distintos niveis terán que compartir aula pasando de agruparse en tres grupos, a dous.

“Feijoo afirma que esta é a lexislatura do rural pero actúa en sentido contrario, recortando servizos no concellos do interior” dixo Rodil e explicou que escolares dos cursos de primeiro, segundo e terceiro de primaria estarán xuntos en clase, así como os de cuarto, quinto e sexto. O BNG seguirá traballando para evitar esta discriminación que sufrirán no CEIP de Portomarín e que “é froito dunha decisión política do Partido Popular” concluíu Olalla Rodil.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG