O PP vota en contra da proposta do BNG para potenciar as feiras e mercados e abrir unha liña de axudas polos peches

Mini Rivas
Mini Rivas
Xosé Luís Rivas solicitou axudas para os concellos con feiras e mercadiños tradicionais para estimular a súa actividade e o acceso a produtos de primeira necesidade sen intermediarios

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini), defendeu unha proposta na comisión de Agricultura na que demandaba recuperar as feiras e mercados locais cos necesarios  protocolos de seguridade sanitaria.

A proposta tamén incluía unha liñas de axudas aos concellos con feiras e mercadiños tradicionais para estimular a  actividade e fomentar a excelencia dos  produtos así como poñer a disposición dos produtores primarios, afectados polo peche da súa única vía de comercialización, “apoio económico para compensar as perdas e evitar a destrución dos postos de traballo fundamentais na soberanía alimentaria dentro de Galiza”.

O PP rexeitou a proposta nacionalista

O parlamentario do BNG lamentou que o Partido popular impedira que prospera a proposta porque   as consecuencias da COVID tamén se cebaron no sector e lembrou que nestes mercados basease grande parte da economía rural. O peche das feiras e mercadiños obrigou aos produtores e produtoras do sector primario a optar pola venda de cestas de alimentos a domicilio incrementada coa chegada de nova clientela e reforzada pola fidelidade da xa existente, explicou.

O deputado argumentou que un dos clientes importantes situábase na hostalaría que a pesar de reabrir, fíxoo  con restricións de aforos  o que conlevou unha diminucións do consumo dos produtos. Por outra parte, a  nivel institucional, algúns concellos aproveitaron o confinamento para pechar os mercados mentres outros como Allariz decidiron manter o seu Mercado da Reserva da Biosfera aberto durante o estado de alarma e o confinamento.

Dende o primeiro momento, destacou o nacionalista,  entenderon que manter os nosos mercados abertos, como o da Biosfera ou a feira semanal, “facilitaban o acceso a produtos de primeira necesidade”, un dos principais obxectivos fundamentais durante o estado de alarma, poñendo produtos de producións locais (de quilómetro cero) á disposición da poboación, mediante venda directa, sen intermediarios. Adaptaron tódolos protocolos sanitarios dende un principio: “mantemento de distancias, desinfección mans e calzado nas entradas, elementos de separación para que a xente non puidese tocar os produtos, e dispensador de números para evitar aglomeracións e colas”.

Para o deputado, a Xunta de Galiza non amosou “interese” por  promover espazos para comercializar directamente produtos da terra, e  aínda que “hai concellos que si apoian activamente a comercialización directa, como o mencionado caso Allariz, por desgraza son as excepcións que deberan converterse nas maiorías” aseverou.

As feiras e mercados son  espazos  seguros e polo xeral ao aire libre e ben ventilados para vender nunha situación de pandemia, “foi absurdo ver como foron os primeiros en ser pechados e os últimos en poder abrir”, recalcou Mini.

Desde o BNG coidamos que son horas de restaurar “o sentido común” e instar ao goberno galego a que elabore protocolos que regulen estes eventos en ben da seguridade sanitaria e que non paralice a cada vez máis minguada actividade mercantil das feiras e mercados.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG