O PP vota en contra da iniciativa do BNG para que a Xunta pague as máscaras do alumnado

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo

Lourenzo critica os “bandazos, a improvisación e o abandono” da comunidade educativa por parte da Consellería de Educación

Demanda que a Xunta asuma os gastos dos centros educativos en material de seguridade e os dos concellos en limpeza derivados da COVID19

Só en máscaras, unha familia con dúas fillas/os en idade escolar ten que asumir un gasto extra de 80 € mensuais, en moitos casos por parte de economías domésticas asfixiadas pola crise económica derivada da COVID19. Por iso, o BNG solicitou no Parlamento, a través dunha proposición non de lei, que a Consellería de Educación asuma o custe dás máscaras por ser un elemento clave na seguridade do alumnado á hora de recibir unha educación presencial.

“Nun momento no que esta crise se está a levar por diante a economía de tantas familias, non podemos cargar nos seus lombos un gasto máis porque a súa situación e xa límite”, argumentou o portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo, “e  danse situacións na que alumnos usan máscaras que non están testadas sanitariamente ou  que reutilizan máscaras de catro horas de duración durante días”.

“Se non garantimos que todo o alumnado empregue as máscaras con seguridade  estaremos a poñer en cuestión a equidade e a igualdade de oportunidades para todas as nenas e nenos”, advertiu Lourenzo, tras acusar á Consellería de Educación “de deixar abandonado ao persoal docente, ANPAs e as familias nun inicio de curso marcado polos bandazos, a improvisación e os cambios de criterio”.

“Mentres as familias e profesores adicaban as vacacións a preparar os centros, asistimos a un sainete absolutamente intolerábel dun goberno que improvisaba e daba bandazos, ate o punto  de cambiar de criterio tres veces en dúas semanas no protocolo das distancias de seguridade nas aulas”, alegou a modo de exemplo.

A proposición non de lei defendida por Lourenzo tamén recollía a proposta de que o Goberno asumise os gastos dos centros en materia de seguridade por motivo da COVID19, estimado nun 25% do total dos recursos previstos para o funcionamento dos centros.

“Habiliten partidas económicas para este material e non se repercuta nos centros, porque recortando os recursos dos que dispoñen estase a recortar na calidade da educación”. E outro tanto, demandou,  en relación aos gastos de desinfección e limpeza asumidos polos concellos, tendo en conta que un informe da FEGAMP e da Deputación da Coruña deixan claro que non é competencia dos municipios nos tramos de infantil e primaria.

“Saian do seu grupo burbulla de San Caetano, asuman as súas responsabilidade”, instou Lourenzo ao Goberno da Xunta, tras defender a PNL que non prosperou polo veto do PP.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG