parlamento galego

O PP vota en contra da iniciativa do BNG para reclamar ao Estado as competencias pendentes

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará lamentou que o PP rexeitara a proposta nacionalista e afirmou que o BNG non renuncia a superar o teito competencial e máis autogoberno

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu unha moción instando á Xunta a programar na Comisión Mixta de transferencias, a negociación do “traspaso das competencias pendentes” e un novo modelo de financiamento que non discrimine a Galiza.

No debate da moción, a portavoz popular, Paula Prado restou urxencia as reclamacións do BNG ao que Luís Bará replicou: “o PP non cre no autogoberno, non queren máis autogoberno porque xa lles parece que hai de máis” e lamentou os votos en contra do PP e a abstención do PSdG.

Luís Bará considerou que hai un intercambio de papeis, entre  PP e  BNG. Mentres o BNG actúa como goberno e trae iniciativas de impulso, o PP parece un partido da oposición poñendo “paus nas rodas” para que esas propostas non prosperen e chegando ao extremo de apoiar iniciativas no Parlamento galego que despois vetan no Congreso como aconteceu coa AP-9 en tres ocasións e agora co debate aberto da a transferencia de Tráfico e da Policía galega.

Balance de Feixóo en 12 anos, “cero  transferencias”

A realidade, recalcou Bará e que o balance de 12 anos de goberno na Xunta do PP, “é cero transferencias e deixación de funcións á hora de facer valer os acordos parlamentarios”. A súa política, reiterou o nacionalista, coloca a Galiza por detrás doutras nacionalidades históricas e rexións.

No programa electoral do PP do ano 2019 aparecía este parágrafo, “aprobaremos una moratoria que paralizará la cesión de competencias a las comunidades autónomas”. Esto ya no se aguanta más, afirmaba naquel momento Pablo Casado. Para o deputado do BNG,  esta non é só a posición do Partido popular de Madrid e os feitos confirman que o Partido popular de Galiza actúa como “tírete de Pablo Casado e do PP de Madrid”. O nacionalista lembrou que o propio Feixóo afirmou que “España non está para facer transferencias ás comunidades autónomas”. Aclárense, pediu o deputado dirixíndose ás bancadas dos populares.

O contexto de pandemia colocounos ante unha grande crise con dúas tendencias antagónicas, por unha banda, unha maior “recentralización” e a unidade de mercado e ao tempo un proceso aberto das transferencias cunha formulación da estrutura do estado.

Estes mesmos días, Euskadi está a negociar as competencias en materia de prisións, autoestradas e Seguridade Social, Nafarroa as de Tráfico e Canarias as de Costas como xa teñen Andalucía e Cataluña dende hai anos. Galiza non ten a competencia en costas e agora o PP quere reclamala para defender os “intereses de ENCE”.

Sobre o proceso da transferencia de Tráfico, o nacionalista indicou que o Partido popular recibiu criticas por parte de asociacións da Garda Civil véndose obrigado a reunirse con elas “de maneira clandestina”. Non se preocupen, dixo Bará, vai ser positivo para Galiza ter as competencias de Tráfico porque teremos unha policía propia e as portas abertas a todas as persoas que queiran acceder as vías para formar ese corpo de policía propio.

Bronco debate entre a portavoz popular, Paula Prado, e Luís Bará

Tras a intervención do deputado do BNG, a portavoz popular, Paula Prado pronunciou unha frase que relacionaba o terrorismo, a Garda Civil e ao BNG, frase que finalmente foi retirada pola Mesa do Parlamento do diario de sesións ante a gravidade do seu contido. Na réplica, Luís Bará, tras afirmar que Prado superou a Rocío Monasterio como heroína da Garda Civil, retornou novamente o debate da moción e reclamou as competencias demandadas e un novo modelo de financiamento que non discrimine a Galiza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG