parlamento galego

O PP vota en contra da iniciativa do BNG para proporcionar medios axeitados ás persoas con deficiencias auditivas no ensino

foto Queixas co colectivo de docentes con déficit auditivo
foto Queixas co colectivo de docentes con déficit auditivo
Mercedes Queixas reclama que Educación facilite a linguaxe lecto-labial e que articule medios electrónicos que facilitan o ensino para este colectivo

A deputada do BNG Mercedes Queixas defendeu unha proposición non de lei na que instaba ao Goberno galego a poñer en marcha medidas educativas e de protección sanitaria adecuadas ás necesidades especiais das persoas con deficiencia auditiva e garantir con “equidade” a continuidade do seu proceso de ensino-aprendizaxe evitando a discriminación social no centro educativo.

No debate da iniciativa, a nacionalista reprochou ao deputado do Partido Popular Ovidio Rodeiro o seu descoñecemento sobre a realidade do alumnado e profesorado xordo. “A xordeira -dixo- non incapacita, non anula; a máscara si”, como demostra o caso dunha profesora xorda que se viu obrigada a solicitar unha baixa laboral, ante a imposibilidade de realizar a súa normal actividade. “O abandono e desleixo” ao que somete ao colectivo a Consellería de Educación do PP, recalcou a deputada nacionalista.

Queixas afirmou que “non existiu ningunha resposta” por parte da Inspección, Xefatura Terrirorial, Consellería de Educación para que esta profesora puidera continuar coa súa profesión de docente infantil. Para a deputada, produciuse unha clara “abandono de funcións“ por parte da consellería que provoca que nalgúns centros, ante a falta do interprete requirido, sexa necesario o voluntarismo  de profesores e profesoras para apoiar as clases.  

A parlamentaria do BNG mostrou o seu malestar ante a afirmación do portavoz popular que asegurou podía existir algún caso illado nestas circunstancias,  ao que a nacionalista replicou que ese caso excepcional é, por exemplo, o  CEIP de Coristanco: “Chámase Jose e está vendo esta comisión a través dun televisor nunha sala deste Parlamento e está profundamente ofendido pola súa intervención porque todo o que vostede dixo é mentira”.

As máscaras utilizadas nese centro foron mercadas polas familias e só despois de moito presionar, este profesor, o equipo directivo e a  ANPA conseguiron que o xefe territorial se comprometera a manter unha xuntanza na que, por certo, non se lle deu voz a Jose,  explicou. Na reunión o xefe territorial trasladou a intención de valorar a posibilidade de colocar un bucle de indución magnética na aula, solución para o alumnado e profesorado, pero sempre que fora o propio docente o encargado de xestionar a instalación e coa seguridade dunha factura en concepto de obra. Para a deputada, o proceder da Administración do PP é “indignante” e demostra “moi mal gusto”, e non podemos colocar a un docente ante este esperpento.

Se botaron tantos meses para poñer en marcha os protocolos e agora somos incapaces de habilitar unidades de máscaras transparentes para facilitar a linguaxe lecto-labial e se realmente a consellería non é quen de atender en “equidade” ao profesorado e alumnado con déficit  auditivo, moi pouco podemos esperar do proxecto política deste goberno e a súa consideración pola “inclusión”, recalcou. 

A deputada lamentou que a comunidade de persoas xordas do ámbito educativo que hoxe seguiron o debate da iniciativa do BNG en sede parlamentar non acadaran o apoio as súas demandas e  marchen, dixo, cunha grande “desazón” pola falta de “responsabilidade e decoro do Partido Popular”.

A proposta defendida pola deputada do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG