O PP vota en contra da iniciativa do BNG que pedía integrar Gondomar no transporte metropolitano de Vigo

Luís Bará
Luís Bará

Pide convocar a Comisión  para o desenvolvemento do transporte metropolitano de Galiza na área de trasporte metropolitano de Vigo e dar resposta ás demandas da veciñanza de Gondomar

O PP vota en contra da iniciativa do BNG que pedía integrar Gondomar no transporte metropolitano de Vigo

O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará propuxo hoxe na Comisión de Ordenación Territorial integrar o concello de Gondomar no convenio de transporte metropolitano de Galiza na área de Vigo para dar resposta as demandas da veciñanza.

O  deputado do BNG, cualificou a intervención do portavoz do PP, Alberto Pazos Couñago de “ falta de respecto institucional” e falta de respecto tamén unha  veciñanza que só recibe, “largas e escusas” para non  cumprir o acordo de integrar o Concello de Gondomar no plan de transporte metropolitano. Bará asegurou que ademais de Gondomar existen outros concellos que continúan agardando pola súa inclusión no plan.

O dous de febreiro, explicou o nacionalista, formalizouse un acordo no pleno para integrar o concello. A Xunta solicitou documentación complementaria que posteriormente foi tramitada pero despois, afirmou Luís Bará, “houbo un veto” cun castigo político contra a xente de Gondomar. O deputado amosouse convencido de que as “artimañas” do Partido popular terán a súa resposta por parte dos veciños e veciñas porque vostedes, recalcou o nacionalista, “confunden o goberno co partido” e a xente xa empeza a darse conta.

Para o parlamentario do BNG, o Partido popular está a tomar decisións de maneira “arbitraria, sectaria e partidista” e anunciou que esta forma de actuar terá como resposta novas  mobilizacións sociais  para demandar o transporte metropolitano.

Bará volveu a reclamar a convocatoria, á maior brevidade posible, da Comisión de Seguimento do “Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galiza na área de trasporte metropolitano de Vigo”  e incluír na orde do día, para o seu tratamento e aprobación , a solicitude do Concello de Gondomar para ser incorporado ao transporte metropolitano, de xeito que a súa veciñanza poida dispoñer da tarxeta metropolitana e beneficiarse dos descontos no importe dos billetes, co conseguinte aforro nos gastos de desprazamento.”

A proposta do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular que impediu chegar a un acordo na comisión 2ª para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas do concello de Gondomar.

Trala votación, Bará cominou a  Alberto Pazos Couñago a explicarlle a todos os afectados e afectadas, as verdadeiras razóns polas que o PP veta a entrada do concello de Gondomar no plan de transporte metropolitano.