PP veta a proposta do Bloque para que a Xunta manteña a materia de Xeografía e Historia de Galiza en 2º de Bacharelato

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Manuel Lourenzo advirte que Educación suprime a materia na estrutura de currículos galega e a substitúe pola denominada Patrimonio e Sociedade

O PP vetou no Parlamento galego a proposición non de lei do Bloque para que a Xunta rectifique e manteña a materia de Xeografía e Historia de Galiza como materia ‘optativa autonómica’ no segundo curso de Bacharelato, despois de que a Consellería de Educación a suprimira da estrutura dos currículos en Galiza, feita pública o pasado 22 de abril.

Segundo explicou o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, na defensa da súa iniciativa en comisión parlamentaria na citada estrutura curricular aparece como novidade a materia de Patrimonio e Sociedade, unha decisión que, segundo advertiu, ergueu a polémica entre numerosos e numerosas docentes e tamén no ámbito universitario e mesmo levou a abrir unha recollida de sinaturas ao consideraren que esta nova materia “vén substituír a de Xeografía e Historia de Galiza, marxinando así os estudos sobre o País e a disciplina académica que debulla a súa historia”.

Para Lourenzo, é esta unha medida “ideolóxica” xa que cuestiona o dereito dos galegos e galegas a estudar unha xeografía e unha historia propia e diferenciada, cando Galiza ten de seu unha realidade histórica incontestable e unhas manifestacións artísticas propias “que hoxe non cuestiona absolutamente ninguén cun mínimo de rigor científico”.

“E despois hai unha praxe que é perfectamente coherente con esa ideoloxía”, engadiu, para apuntar a continuación que sendo Xeografía e Historia de Galiza unha materia con moi boa aceptación, “ata o punto de ser unha das optativas de referencia en boa parte dos institutos do noso País”, lonxe de promocionala, o Goberno do PP primeiro a fragmenta en dúas (Patrimonio e Arte de Galiza e Xeografía e Historia de Galiza, recortando así á metade as horas de docencia) e, “despois, na presentación dos currículos, faina desaparecer”.

O deputado do BNG atribuíu á protesta do profesorado e tamén da universidade o feito de que o propio conselleiro de Educación “tivera que recoller carrete”, xa que primeiro “dixo que era Patrimonio e Sociedade de Galiza”, despois que baixo esa denominación íanse “reforzar os contidos de xeografía e historia aínda que no título da materia nin aparezan” e, finalmente alegando que se trataba “dun erro en que, en realidade, o nome da materia era Xeografía, Historia e Arte de Galiza”.

“Toda esta degradación para evitar a denominación específica, a que ten tradición docente e historiográfica que é Xeografía, Historia e Historia da Arte”, recriminou, para advertir que esta cuestión resulta central “porque estamos a falar dunha optativa de segundo de Bacharelato, o ano no que o alumnado vai á universidade”, ámbito formativo que dispón con facultades e titulacións propias de historia, de arte e de xeografía. “Temos facultade de patrimonio, de sociedade?”, cuestionou con ironía, para advertir tamén por último da “perversión intelectual” que supón unha modificación destas características, tal e como lle trasladou un importante historiador galego: “é posíbel o estudo Patrimonio e Sociedade fóra dun tempo e dun espazo concretos?”, rematou.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG