PP veta o plan de formación integral do BNG destinado a mozos e homes para avanzar na igualdade

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará  afirmou que só implicando aos mozos e homes na igualdade avanzaremos contra a violencia de xénero e os estereotipos patriarcais

O deputado do BNG, Luís Bará propuxo no Parlamento galego  desenvolver un plan integral de formación para mozos e homes co fin de avanzar cara á igualdade.

O PP impediu co seu voto desfavorable que prosperara a iniciativa do BNG que incluía entre as súas demandas  aplicar o plan, de carácter plurianual, nos diferentes ámbitos do ensino, administracións, empresas, organizacións empresariais, organizacións políticas, sindicatos, forzas e corpos de seguridade, entidades e organizacións do deporte, entidades e organizacións do ámbito da creación, produción e difusión cultural, medios de comunicación e  entidades sociais.

O parlamentario do BNG defendeu desenvolver programas para fomentar a  participación dos homes en tarefas domésticas, de coidados e de conciliación e promover a publicación de guías que cuestionen os valores do patriarcado e fomenten valores igualitarios.

Tras a intervención da portavoz popular, Paula Prado, o nacionalista lamentou que, unha vez máis, o Partido Popular manteña  un discurso en consonancia cos  seus socios de goberno en Castela-León, os mesmos que negan a violencia machista e queren erradicar as políticas de xénero.

En resposta á portavoz popular, o deputado nacionalista subliñou  que o feminismo é  un movemento ideolóxico  que propiciou grandes cambios históricos e obrigou aos responsables políticos a tomar decisións, o problema dixo, é que “hai quen vai máis a favor e quen vai menos e mesmo poñen paos nas rodas”. O  Partido popular,  debe decidir de que lado está e si  sigue o discurso de VOX na lei de violencia intrafamiliar porque esa lei, dixo contén “un discurso moi perigoso e reaccionario” e cuestiona abertamente  as políticas contra a violencia machista e de xénero.

Bará recalcou que a iniciativa do BNG vai dirixida aos homes e  con  políticas para eles. Na súa intervención lembrou unha experiencia persoal que transformou a súa visión sobre algunhas  situacións nas que as mulleres senten medo ou desprotección e das que os homes “non somos conscientes”.

A chave entre os dedos co puño pechado para defenderse

Neste sentido, explicou  que  unha publicación, despois das  grandes mobilizacións do ano 2018, “cambiou a miña percepción” e deime conta que eu, coma home, non teño que “poñer  a chave entre os dedos co puño pechado” para defenderme dos “reiterados e silenciosos ataques machistas” que sofre un gran número de mulleres, sobre todo no tempo de lecer e polas noites.

Os homes, reiterou, “non somos conscientes porque iso  non nos pasa”. Aos homes nos se nos para o corazón cando vamos pola rúa e pasa un coche moi amodo ou cando un home vai detrás nosa e nos segue. Os homes, non temos que apurar o paso a determinadas horas para volver a casa ou facer deporte. “As mulleres queren saír a súa, bailar, vestirse como queiran e poder volver a casa sentíndose seguras e nese camiño vai a nosa iniciativa para transformar a sociedade e sobre todo, aos homes e o seu comportamento”.

Bará advertiu que en materia de igualdade, se está a producir un movemento “cara atrás e reaccionario” vinculado aos discursos ideolóxicos que o Partido popular esta amparando e lexitimando. Vostedes, dixo, “capitularon” e reprochou á portavoz do PP, Paula Prado que rexeitara a iniciativa nacionalista argumentando que o demandado polo BNG xa se está a facer. Neste sentido, replicou  que hai un importante  retroceso  a pesar de contar cunha lei do ano 2007 das máis avanzadas e pioneiras en igualdade.

Dende o BNG, seguiremos demandando un plan de maneira “sistemática e integral” con medidas de formación para o profesorado, publicación de guías contra os ditados patriarcados, e na procura doutras masculinidades. Necesitamos “combater e desmantelar o patriarcado” e o Partido popular debe decidir se “quere sumarse ou non”, si queren formar parte da implicación dos homes á onda transformadora do feminismo ou ás “políticas reaccionarias” que vostedes están avalando, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG