O PP veta no Parlamento que o edificio da Xunta en Pontevedra leve o nome de “Virxina Pereira”

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará lamenta que a Xunte persista nunha visión “androcéntrica”, en lugar apoiar a feminización dos espazos e dos edificios públicos poñendo en valor o papel das mulleres

O PP veta no Parlamento que o edificio da Xunta en Pontevedra leve o nome de “Virxina Pereira”

O deputado por Pontevedra, Luís Bará, e portavoz nos temas de recuperación da memoria histórica, criticou ao PP por vetar a proposta de bautizar como Virxinia Pereira o edificio administrativo que a Xunta ten na rúa Benito Cobal na cidade do Lérez, como unha maneira de recoñecer o labor e a gran aportación da galeguista, así como o seu traballo a prol da conservación e posta en valor da obra de Castelao, con quen compartiu a súa vida.

O pasado luns 17 de xuño a Xunta de Galiza presentou a rehabilitación parcial do seu edificio administrativo, aínda pendente de completar coa adecuación de tres plantas das que fará uso a Universidade de Vigo. O BNG considera positiva a actuación de reforma do edificio, tras máis de 8 anos de abandono.

“Os novos usos administrativos e sociais que vai ter, a cesión de espazos ao concello, á universidade e a entidades sociais vai permitir o uso e aproveitamento dun equipamento público, ao tempo que dinamiza a contorna urbana na que se empraza, esta céntrica rúa”, indicou Bará durante a defensa desta proposición non de lei en comisión parlamentaria. A formación nacionalista considera “positivo” que o edificio contase cun nome que o identifique, mais alá do nome da rúa na que está emprazado.

“E por iso propoñemos a denominación de Edificio Virxinia Pereira, en homenaxe a unha muller que naceu na Estrada e que tivo unha profunda relación con Pontevedra,- cidade na que viviu 20 anos-, e co autogoberno de Galiza, causa na que loitou toda a vida ao lado do seu marido Alfonso Rodríguez Castelao”, argumentou.

Se ben a súa figura está solapada pola do escritor, artista, ensaísta e político, “Virxinia Pereira Renda tivo personalidade e vida propia, mantivo durante toda a vida o compromiso coa súa terra, sufriu o espolio dos seus bens e da súa casa da rúa da Oliva, padeceu o rigor do exilio en Cuba, Estados Unidos e Arxentina e, logo da morte de Castelao, loitou o resto da vida como unha leoa en defensa dos bens espoliados e do legado artístico e intelectual do seu home”.

“De feito, ese legado consérvase en grande parte no Museo de Pontevedra por vontade dos dous”, afondou Bará, “e por todas estas razóns, Virxinia Pereira merece o máximo recoñecemento da cidade de Pontevedra e de toda Galiza”.

Ademais do innegable mérito desta personalidade e da súa contribución á cultura do país, o BNG considera tamén que a Xunta “debe sumarse ao proceso de feminización dos nomes dos espazos e edificios públicos, para combater unha visión androcéntrica que se materializa na preponderancia de nomes masculinos e na ocultación e na invisibilización das mulleres”, explicou o deputado.

O vindeiro 23 de decembro de 2019 vanse cumprir 50 anos do pasamento de Virxinia Pereira Renda, polo que a escolla do seu nome para o renovado edificio da Xunta de Galiza en Pontevedra “sería unha magnífica homenaxe á súa figura de muller boa e xenerosa, á que o noso país lle debe tanto”, concluíu Bará, avanzando que o veto do PP será sorteado pola homenaxe que lle o BNG lle fará na cidade do Lérez.