PP veta no Parlamento o apoio da Xunta proposto polo BNG ás reclamacións das e dos traballadores da empresa Xeal

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez advirte que a compañía non pode escudarse no prezo da luz para non manter a actividade porque pode destinar a súa produción ao autoconsumo

O BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta faga explícito o seu apoio ás reclamacións das e dos traballadores de Xeal esixindo á empresa a inmediata posta en marcha dos fornos e a cobertura dos postos de traballo destruídos no cadro de persoal, emprego eventual e auxiliares desde xullo de 2019, a readmisión do traballador despedido de maneira inxusta recentemente e o apoio ás reivindicacións e accións legais e xudiciais postas en marcha polo comité de empresa para que se recoñeza a nulidade da venda realizada por Ferroatlántica a TPG-Ithaka, unha iniciativa que foi vetada polo grupo parlamentario do PP.

O deputado nacionalista pola Costa da Morte, Daniel Pérez, reprobou o voto negativo do PP e advertiulle de que “o custe da enerxía non pode valer de escusa” porque, segundo explicou, quen xera electricidade, quen ten as centrais hidroeléctricas, neste caso Xeal, “xera enerxía para vendela e non hai nada que lle prohiba destinar parte desa enerxía ao autoconsumo”. É dicir, pode abaratar os custos de produción para a produción de ferroaliaxes”, recalcou.

Pérez tamén explicou que a suba da tarifa eléctrica supón “máis beneficios para quen ten a posibilidade de producir enerxía, como é o caso de Xeal, polo que -recalcou- dende logo o problema para a empresa á hora de manter unha produción plena non está no custe da enerxía”.

Así, durante a defensa da iniciativa, recordou que a concesión do aproveitamento destas centrais hidroeléctricas depende da Xunta e o aproveitamento das mesmas e o mantemento da actividade das fábricas está unido de xeito indisoluble a medio dunha cláusula esencial de vinculación. “Ou dito doutro xeito -incidiu- quen queira aproveitarse dos pingües beneficios que reporta explotar as centrais hidroeléctricas, está obrigado a manter o emprego e a actividade industrial das fábricas”, para recordar a continuación a sentenza xa firme do TSXG en cuxa exposición de motivos recolle que “a condición de non segregación das actividades fíxose para asegurar o mantemento do emprego na Costa da Morte”.

Pérez reprobou a posición “de inxustificable equidistancia” do Goberno do PP na crise de Xeal, “cando a empresa no respecta a vinculación esencial de ferroaliaxes-produción enerxética” e cando presentou “tarde, mal e arrastro un plan de viabilidade que non garante o emprego e que ademais descoñecen as e os traballadores”. “E a Xunta di amén sen nin sequera reunirse antes co cadro de persoal”. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG