O PP veta a iniciativa do BNG para avanzar na igualdade da muller no ámbito da investigación e da docencia

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “Sen corrixir esa desigualdade teremos un coñecemento máis pobre porque a calidade e a excelencia non son posíbeis excluíndo a metade da poboación”

O PP veta a iniciativa do BNG para avanzar na igualdade da muller no ámbito da investigación e da docencia

 

Santiago de Compostela, 5 de Xuño 2018.- O BNG, a través da portavoz parlamentaria de Igualdade, Noa Presas, defendeu na Cámara unha modificación do Decreto 2/2015, de igualdade e medidas de acción positiva no ámbito da universidade e da investigación, -que aglutina toda a normativa galega en materia de igualdade-, para combater a situación de discriminación que soportan as mulleres tanto no ámbito da docencia universitaria como no ámbito da investigación científica.

A proposición de lei nacionalista, vetada polo PP, establecía desenvolver a redacción xenérica do artigo 20 do mencionado decreto por unha batería de medidas concretas que abordan de xeito integral a igualdade neste dous ámbitos, “para garantir a igualdade de oportunidades ás mulleres”.

Entre as medidas propostas, apoiar estudos, investigacións e proxectos que integren a perspectiva de xénero, dar visibilidade ás achegas das mulleres neste ámbito, potenciar a vocación científica entre as mulleres, -“porque non se pode querer ser o que non se coñece”-, alega Presas, e buscar o equilibrio de xénero nos equipos a todos os niveis, con medidas de acción positiva que fomenten a participación e o liderado feminino.

Igualmente, medidas para corrixir a ausencia de mulleres nos organismos de toma de decisións no ámbito universitario e centros de investigación, métodos de avaliación, tanto de persoal como da calidade da produción, que non sexan discriminatorios, e formación en igualdade en todas as categorías profesionais

Na proposición de lei que defendeu o BNG tamén se facía referencia á violencia machista, porque calquera muller, tamén investigadoras de elite, poden ser vítimas de maltrato. Por iso se inclúen medidas de detección precoz e para evitar que, ante unha eventual suspensión da actividade profesional por razóns de violencia de xénero, sexa penalizada á hora de competir profesionalmente.

Outro foco de discriminación está na maternidade e o seu encaixe co exercicio profesional. “Temos na memoria casos como o de María de la Fuente, investigadora discriminada por ser nai, que non é un caso illado no que a baixa por maternidade penaliza as mulleres cando concorren a contratos, bolsas ou convocatorias”, subliñou Presas.

O Bloque propoñía corrixir esa discriminación garantindo por lei “que nos procesos de selección e avaliación da traxectoria académico-profesional se exclúan sen impacto negativo os períodos dedicados a exercer os permisos derivados da conciliación, embarazo, maternidade ou paternidade, e tamén situacións de dependencia”.

Simulacro de igualdade

“Urxe un cambio de rumbo, por xustiza para con todas as mulleres pero tamén con toda a sociedade, porque sen corrixir esta desigualdade estamos creando unha cultura e un coñecemento máis pobres, a calidade e a excelencia non son posíbeis se excluímos a metade da poboación”, salientou a deputada nacionalista.

“Por iso propoñemos escoitar a voz das mulleres expresada con claridade o 8M,  propoñemos dar un paso adiante no noso ordenamento xurídico, porque en nove anos o Goberno de Feixóo non impulsou nin unha soa lei en materia de igualdade, un PP comodamente instalado no simulacro da igualdade, nun marco legal fosilizado que nin cumpre, nin desenvolve e iso é moi grave porque se converte en cómplice do chan pegañento co que as mulleres temos que loitar para sermos iguais na sociedade”, concluíu.