O PP rexeita no Parlamento a iniciativa do BNG para relanzar a Feira do Moble de Galiza e o propio sector

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará denunciou que o Partido popular só ten unha estratexia, “unha  política forestal para beneficiar a ENCE e a FINSA”

O PP rexeita no Parlamento a iniciativa do BNG para relanzar a Feira do Moble de Galiza e o propio sector

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe unha proposición non de lei para relanzar a Feira do Moble da Estrada, impulsar a Cidade do moble e aprobar, no ano 2018, un plan estratéxico para o sector.

Na defensa da proposta, o nacionalista afirmou que a Xunta debe liderar  a potenciación do sector do moble e sobre todo dun evento que foi “referencia e marca de calidade” pero que entrou en declive durante uns anos. Nesta revitalización, dixo, ademais da Xunta deben implicarse outras institucións como a Deputación, o concello e o propio sector industrial.

A Feira do Moble da Estrada, explicou  Bará contaba con 250 expositores pero no ano 2017 non alcanzou os 50. Para o deputado, esta situación precisa de cambios urxentes  entre os que destacou á propia xerencia da Feira, o perfil da xerencia, afirmou, “debe ser técnica e non política. Por outra parte  apuntou a necesidade de publicitar adecuadamente o evento, tanto no interior como exterior de Galiza.

A Feira do Moble da Estrada, criticou o nacionalista, converteuse “nun mercadillo” con expositores de todo tipo e cunha grande falta de especialización no moble polo que volveu a reclamar inxectar  recursos económicos para a súa revitalización.

CIDADE DO MOBLE

A proposta defendida polo nacionalista tamén incluía impulsar a Cidade do Moble polo que  propuxo facilitar solo empresarial para a implantación de empresas e actividades especializadas, reciclaxe e sobre todo, “innovación”. Na actualidade, as empresa do sector contan con diferentes instalacións e ubicación e lembrou que durante o goberno bipartito foi elaborado un proxecto para facilitar a reubicación empresarial da zona, proxecto que, na súa opinión, “debe ser retomado”.

PLAN ESTRATEXICO DO MOBLE EN GALIZA 

Ademais de revitalizar a Feira do Moble, Bará avogou  por desenvolver os recursos do sector conectando a produción coa transformación. “Os nosos montes non poden  ser exclusivamente  produtores de madeira de baixo custe, hai que apostar por madeiras nobles para a súa comercialización” porque na actualidade  as empresas están a importar madeiras foráneas. É preciso, recalcou abordar o sector do moble con  “valentía, audacia e innovación” para relanzar o plan estratéxico que  cambie o rumbo na xestión do explotación do  monte.

A POLÍTICA FORESTAL DO PP SÓ   BENEFICIA A ENCE E A FINSA

Trala resposta da portavoz do PP, Cristina Romero que avanzou o voto en contra á iniciativa  do BNG, Bará replicou que o Partido popular ten unha única aposta: “unha política forestal para beneficiar a ENCE e a FINSA”. O  deputado acusou á Xunta de “absoluta parálise” para potenciar o sector do moble e mesmo lembrou unha xuntanza entre axentes implicados no mes de marzo no que o Bloque Nacionalista Galego realizou até “doce propostas” encamiñadas a revitalizar o sector, pero unha vez máis o PP, asegurou segue na senda de non aceptar nada que non sexa unha política forestal que só beneficia as grandes multinacionais aínda que isto empobreza o noso monte.

Bará lamentou que a pesar da demanda das empresas para acceder a solo industrial para poder competir internacionalmente, a Xunta  non conta con “ningunha estratexia sobre o moble e a madeira”, agás a estratexia para beneficiar a ENCE e a FINSA, “producindo e cortando eucalipto, piñeiro e madeiras de ciclo corto e baixa  calidade para o mercado exterior con intereses alleos a Galiza” pero en  ningún caso, “un Plan estratéxico para potenciar os nosos recursos no monte e nas madeiras de calidade que precisa o sector e que tamén poden ser exportadas”.