Parlamento Galego

O PP rexeita o paquete de medias que propón o BNG contra os delitos LGBTfóbicos

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira defende o desenvolvemento dun plan galego de actuación e que a Xunta se persone nos procedementos xudiciais por delitos de odio

“Non caben medias tintas, o que se está facendo non abonda; xa non vale a retórica nin limitarse a poñer a bandeira o 28X; cómpre actuar”, advirte

“Ante unha situación de inxustiza e opresión como os delitos LGBTfóbicos ou se actúa ou se forma parte da opresión; non caben medias tintas, non vale con limitarse a poñer a bandeira no día de onte; o que se está facendo non abonda, a retórica non vale, cómpre actuar”.

Con esta contundencia defendeu a deputada nacionalista Iria Carreira o paquete de medidas proposto polo BNG ante o incremento dos delitos de odio LGBTfóbicos que, segundo datos oficiais, incrementáronse a nivel estatal nun 41,6% dende 2016, con máis de 400 delitos de odio entre 2013 e 2020 en Galiza, dos que 130 corresponden a ataques por orientación sexual e identidade de xénero.

Neste contexto, Carreira instou á Xunta a dar un paso cara adiante e poñer en marcha catro medidas concretas: en primeiro lugar, implantar antes de que remate o ano un plan de actuación galego ante o incremento de delitos LGBTfóbicos que contemple tanto medidas lexislativas para a súa correcta tipificación, como protocolos de detección deste tipo de violencias e atención ás persoas LGBT para o persoal traballador público que atenda á cidadanía en situacións de vulnerabilidade, como persoal sanitario, persoal de servizos sociais, do ámbito educativo ou das forzas de seguridade; e en segundo, personarse nos procedementos xudiciais incoados pola comisión de feitos presuntamente constitutivos dun delito de odio.

A estas dúas engadiu o desenvolvemento, en diálogo coas organizacións e asociacións LGBT galegas, un plan específico de educación sexo-afectiva para o vindeiro curso lectivo, destinado á ensinanza obrigatoria, que abranga ao conxunto do estudantado e estea adaptado a cada unha das etapas educativas, co obxectivo de promover os valores de igualdade e respecto, así como a adquisición de competencias acerca da sexualidade humana, as relacións interpersoais, a saúde sexual, a violencia machista e a LGBTfobia.

Por último, instou ao Executivo galego a remitir ao Parlamento con carácter trianual un informe de aplicación da Lei 2/2014 de igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, xa que o único remitido ata agora data de 2017.

Logo de exemplificar con distintas agresións LGBTfóbicas rexistradas nos últimos meses en Galiza e dedicar unha especial lembranza a Samuel Luiz, asasinado o 3 de xullo de hai un ano na Coruña ao berro de “maricón de mierda”, a deputada nacionalista afirmou que “aprobar declaracións institucionais está ben; aprobar leis está mellor; dotalas de orzamento e cumprilas xa sería marabilloso” e incidiu en que, a estas alturas e co que está acontecendo, “xa non vale a retórica, precisamos accións claras, decididas, cun obxectivo claro e cun límite temporal”.

Logo de preguntar ao conxunto de deputados e deputadas se “cando vostedes planifican unha viaxe, algunha vez fan unha busca previa para saber se poderán pasear da man da súa parella?”, Carreira rematou a súa intervención cunha conclusión moi clara: “non queremos felicitacións, non nos feliciten, loiten con nós; o que queremos é que se garantan os nosos dereitos humanos”. Pese a todos os argumentos esgrimidos, a iniciativa non prosperou polo veto do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG