PARLAMENTO GALEGO

PP rexeita unha moción do BNG para implementar políticas de emprego contra a precariedade laboral da mocidade

Paulo Ríos (Kai)
Paulo Ríos (Kai)
Paulo Ríos defendeu implementar políticas de emprego digno para unha mocidade gravemente afectada pola precariedade e inestabilidade, a emigración e falta de incentivos para traballar en Galiza
PP rexeita unha moción do BNG para implementar políticas de emprego contra a precariedade laboral da mocidade

O deputado do BNG, Paulo Ríos, (Kai) defendeu, a través dunha moción, implementar políticas de emprego digno para a mocidade galega gravemente afectada pola precariedade e inestabilidade laboral. A moción nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Na súa intervención,  o deputado demandou elaborar un  estudo da situación laboral da mocidade galega e un novo Plan de Emprego  con partidas orzamentarias   para  desenvolver  programas e accións destinadas á  creación de “emprego xuvenil estábel, con condicións laborais dignas e salarios que permitan a emancipación”. Ademais, o texto do BNG rexeitado polo Partido popular,  incluía un  compromiso do goberno con políticas para favorecer  o acceso á vivenda, reverter a situación da fuga de talento e dedicar máis fondos ao   investimento en I+D+i.

Tras a intervención do portavoz popular, José Manuel Balseiro que defendeu as políticas de emprego do goberno galego fronte ás do estado, o deputado replicou que  os datos,  poden ser intepretables e manipulables pero a realidade “impón sempre o seu criterio”. Paulo Ríos suxeriu aos deputados e deputadas do Partido popular que falaran cos mozos e mozas que  volveron a Galiza durante o Nadal e lles preguntaran tamén  si teñen  posibilidades reais dun traballo na súa terra.

O parlamentario púxose como exemplo dunha persoa moza que dende os dezasete anos traballou de camareiro e cociñeiro, “seis días a semana e 12 horas ao día”. Esta é a miña experiencia, dixo, pero tamén unha realidade da xente moza que vostedes parecen descoñecer, recalcou.

O portavoz popular aludiu aos fondos que o goberno destinou á políticas de emprego ao que o deputado do BNG preguntou si serviron para facerlle un contrato a unha moza ou mozo durante tres meses nunha empresa que tras rematar o contrato temporal contratan a outra persoa e así van encadeando cada tres meses contratos con diferentes traballadores e traballadoras. Ese é o modelo de emprego e contratación que queremos para a nosa mocidade? O 46% do emprego xuvenil foi destruido nos últimos once anos de goberno de Feixóo e a Xunta segue pensando que as medidas recollidas no Plan Estratéxico do 2021 resolverán o problema cando en realidade “o modelo é errado e insuficiente”. Un modelo de mercado laboral que financian e promoven. O deputado apelou á “soberanía real” para mudar ese modelo e que o traballo destinado á mocidade sexa digno. “Non queremos máis traballos en precario ou en formación” queremos postos de traballo para que a mocidade poida desenvolver un proxecto de vida e que retornen os mozos e mozos obrigados a emigrar.

O PP presentou unha emenda ao texto nacionalista que Ríos rexeitou por considerar que rebaixaba o contido da moción do BNG.
PP rexeita unha moción do BNG para implementar políticas de emprego contra a precariedade laboral da mocidade