PP rexeita a moción do BNG para evitar as plantacións ilegais de eucalipto tras o anuncio da moratoria de Medio Rural

María Albert
María Albert

María Albert acusou á Xunta de facer “ouvidos xordos” a sindicatos, agrupacións madeireiras, asociacións ecoloxistas, técnicos forestais, e viveiristas en beneficio das grandes empresas forestais

Alerta do “efecto chamada” da moratoria e pide ao goberno que rectifique unha política forestal que xera descontrol e caos

A portavoz de Montes do BNG, María Albert defendeu unha moción para evitar as  plantacións ilegais do Eucalipto mentres non sexa aprobada  a moratoria anunciada pola Consellaría  de Medio Rural. A proposta do BNG foi rexeitada polo Partido popular.

Na súa intervención, a deputada nacionalista urxiu ao goberno a  tomar as medidas precisas para a protección preventiva de superficies de frondosas, áreas de interese ambiental e patrimonial así como superficie de vocación agrogandeiras evitando que sexan obxecto de plantacións ilegais de eucalipto que se están a multiplicar en zonas inhábiles para ese uso.

Por outra banda, a moción do BNG tamén incluía a elaboración dunha lei de ordenación das masas de eucalipto coa retirada das devanditas masas das zonas agropecuarias, de protección medioambiental e bosques de ribeira.

María Albert urxiu a consellaría de Medio Rural a garantir unha xestión sustentábel  e poñer fin ao descontrol de novas plantacións a través dunha  regulación do eucalipto en Galiza.

Dende que o conselleiro de Medio Rural anunciou  a palabra “moratoria”, afirmou Albert,  comezou neste país unha carreira pola plantación de eucalipto en cada metro cadrado de superficie apto para elo “apto, non legal” recalcou. Agora  vale todo, talar piñeiros que non cumpriran o quenda de corta, continuar a plantar en zonas agrícolas, en zonas de que até o día de hoxe tiñan monte raso ou  en zonas de Rede Natura...

“Todo vale”, recalcou, ante a promesa da rendibilidade económica do eucalipto e o augurio de que calquera outro tipo de aproveitamento da terra está condenado á perda económica e ao escaso retorno. Dende o BNG levamos alertado dende hai máis dun mes dunha carreira sen freos de novas plantacións de eucalipto sen que a Xunta fixera nada.

Pero non só o BNG, engadiu, tamén os  medios de comunicación, sindicatos, agrupacións madeireiras, asociacións ecoloxistas, técnicos forestais, viveiristas, e incluso grandes multinacionais do sector levan constatado este “boom eucaliptizador”  mentres o conselleiro nega esta  realidade afirmando que “non se dan  evidencias tanxíbeis dun efecto chamada”.

Dende o  BNG non dicimos que o eucalipto sexa malo “per se”. Non hai especies boas e malas e esta especie, está claro, ten un papel importante no desenvolvemento forestal de Galiza. O que hai, remarcou,  “é unha xestión forestal boa ou mala” e aquí a xestión forestal “é nefasta” e sigue a máxima de “deixar facer, ti vai facendo” para  recadar bos réditos políticos para o Partido popular e resultando  “demoledor” para o futuro de Galiza.

Pero imos falar da súa campaña publicitaria dunha moratoria do eucalipto. Desa moratoria que anuncian en prensa e que, din, está previsto alongar até decembro de 2025. Esa moratoria que o conselleiro tivo aquí o outro día a ousadía de afirmar que o BNG votou á contra no Plan Forestal cando nin sequera a presentaron a votación.

Ao final que é o importante? Que é realmente do que estamos a debater? preguntou a nacionalista. Debatemos se o monte galego ten que ser  un espazo adicado case en exclusiva á produción forestal de baixa calidade ou se consideramos que hai outros usos que achegan máis valor engadido e riqueza social.

O que non é de recibo é que a posición oficial da Xunta de Galiza sexa a que relatou aquí o conselleiro do Medio Rural no último Pleno, “Que a diagnose do monte está consensuada co sector forestal no Consello Forestal de Galiza”. Probabelmente nesa afirmación residan boa parte dos males do noso monte. Desde o BNG  non nos cansaremos de remarcar que a política de montes neste país ten que ir moito máis aló e esa é unha parte pero non a única faciana da política de montes. Os  intereses do sector forestal non poden ser os únicos que deben primar. Hai usos agrícolas,  usos gandeiros, hai espazos que requiren dunha protección ambiental, importantes valores culturais e patrimoniais, hai aproveitamentos micolóxicos, realízanse usos sociais, deportes, actividades educativas.

A deputada afirmou que “non hai planta nos viveiros”, FINSA ten recoñecido un aumento exponencial da entrada de madeira de piñeiro dun calibre menor, asociacións ambientais continúan a recibir ducias de denuncias, o Clúster da Madeira certifica a tendencia, as asociacións forestais falan dunha tala indiscriminada de piñeiros “os piñeirais estanos arrasando” titulaba o domingo El Progreso de Lugo en boca dun viveirista de Mondoñedo, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG