O PP rexeita unha iniciativa do BNG para mellorar a seguridade viaria e reducir os accidentes de tráfico

Luís Bará

Bará reclamou axilizar a transferencia de tráfico e definir a sinistralidade viaria como “violencia viaria” provocada por factores temerarios na condución baixo os efectos das drogas, alcohol ou o uso do móbil

O deputado  do BNG, Luís Bará defendeu, a través dunha moción, un “acordo de país” coa participación das administracións, organizacións sindicais, entidades sociais e sectores relacionados coa mobilidade para abordar urxentemente medidas para reducir os accidentes de tráfico.

Ademais, insistiu na necesidade de referirse á sinistralidade viaria como “violencia viaria” na conducta temeraria baixo os efectos das drogas, alcol e imprudencias relacionadas co móbil, termo que foi rexeitado pola portavoz popular, Julia Rodríguez ao igual que o resto dos puntos da moción nacionalista.

Para o deputado do BNG é urxente desenvolver un plan de medidas extraordinarias que reduzan o incremento dos accidentes de tráfico e  número de vítimas, tanto nas zonas urbanas como interurbanas. A moción do BNG incluía dirixirse ao goberno do Estado para impulsar cambios normativos e desenvolver campañas de sensibilización social “impactantes” sobre as  graves consecuencias dos accidentes de tráfico.

Os 18 puntos do texto do BNG inciden na elaboración de materiais sobre mobilidade e seguridade viaria, formación para docentes, mellorar a seguridade nas travesías urbanas para protexer ás persoas que se desprazan a pé e en bici, un plan específico de prevención e redución e accidentes de motos e “axilizar os trámites co Goberno central para a transferencia gradual da rede viaria”.

Reducir o prezo das peaxes liberando o pagamento de peaxes en treitos con variantes e circunvalacións para reducir o tráfico que transita por zonas urbanas foi outra das reclamacións formuladas polo deputado do BNG.

Na súa intervención, o  parlamentario  criticou que a Xunta só asine convenios para mellora de infraestruturas “con concellos gobernados polo Partido popular” polo que pediu ao Goberno galego “deixar o partidismo” e priorizar aqueles tramos que precisan de obras para reducir o alto nivel de sinistros de tráfico.

No ano 2017, explicou rexistráronse 100 vítimas mortais en accidentes  e 138 no ano 2018 segundo os datos do IMELGA, nos primeiros cinco meses do ano 2019 xa foron computadas 43 vítimas mortais “15 máis que no ano anterior” ademais de duplicarse o número de vítimas en vías urbanas e con estas cifras, “o PP segue considerando que resulta innecesario implementar más medidas”.

O deputado do BNG lamentou que a portavoz popular, Julia Rodríguez rexeitara unha moción con 18 puntos, “dos que ningún lle serviu”, dixo, e coa que pretendemos mellorar a seguridade e reducir o número de accidentes de tráfico.

Coas nosas medidas, recalcou, só queremos evidenciar que as medidas da Xunta son “insuficientes” e que é urxente acometer, canto antes, accións contra a sinistralidade. Hai que ser realistas e non “instalarse no conformismo como fai o Partido popular”, concluíu.

A iniciativa defendida polo deputado do BNG, Luís Bará foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG